Skip to main content

Dan comezo cinco novos cursos de verán

Dan comezo cinco novos cursos de verán
Dan comezo cinco novos cursos de verán
UNIVERSIDADE DE VERÁN 2015

A Universidade de Verán das USC prosegue a vindeira semana coa súa programación de verán co desenvolvemento de cinco novos cursos, un deles en Oleiros, outro en Lugo e tres en Compostela. Calidade agroalimentaria A análise dos instrumentos para tratar de impulsar un proceso de desenvolvemento cos axentes locais de cara ao deseño e aplicación dunha estratexia alimentaria que estimule a produción, transformación e consumo sostible de produtos agroalimentarios locais é o obxectivo do curso ‘ Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico’ que comeza este luns ás 9.30 horas na Fundación Juana de Vega (Oleiros). Depresión, trauma, norte e duelo A depresión é o trastorno psicolóxico con máis prevalencia no século XXI, tanto no ámbito da Psicoloxía Clínica como da Psiquiatría. En España está entre as dez queixas máis frecuentes dos españois con respecto á saúde. Para analizar esta problemática o luns 15 ás 16.00 horas inaugúrase no Aulario Novoa Santos o curso de verán ‘ Depresión, trauma, morte e duelo’. Nel daranse a coñecer os avances actuais no coñecemento sobre a natureza da depresión, relacionándoa co proceso de trauma, morte e duelo e coas estratexias de afrontamento ante a enfermidade e a morte. Teatro Físico O curso de verán ‘Teatro físico. Contacto con diferentes dinámicas teatrais, físicas e grupais. Introdución no traballo de composición escénica’, que se desenvolverá desde o luns 15 ata o 19 de xuño na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, introducirá ás persoas participantes nas distintas formas de traballo creativo, a través das que pode emprender un proceso de creación grupal. A inauguración será ás 16.30 horas na Aula de Danza da USC en Lugo (Facultade de Veterinaria). Arte, sociedade e cultura na Idade Media Europea Xa o día 17 ás 9.30 horas no Instituto Padre Sarmiento de Santiago terá lugar unha nova edición do curso ‘Retazos da arte, sociedade e cultura na Idade Media Europea II: Palabras e formas na construción do imaxinario medieval’. O curso achegarase ao coñecemento da sociedade e cultura da Idade Media e do seu legado cultural nos eidos da literatura, arquitectura, escultura e outras disciplinas. Con este fin explicarase o medievo visto desde os restos arqueolóxicos, documentais e artísticos, recollidos nas investigacións dos relatores invitados. A reinvención dos comúns Convidar a pensar outros modos de habitar, de novo, o lugar, que cuestionen a lóxica temporal do propio. Ese é o ofrecemento que fai o curso de verán ‘A reinvención dos comúns: cultura dixital e territorio’ que se desenvolverá na Facultade de Filosofía os días 18 e 19 de xuño. A inauguración será o xoves ás 10.00 horas na Facultade de Filosofía.

The contents of this page were updated on 06.12.2015.