Graduacións das promocións da Escola Politécnica Superior, Formación do Profesorado e Relacións Laborais
A Escola Politécnica Superior e a Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, así como a Facultade de Relacións Laborais de Santiago celebran este sábado 13 de xuño os actos de graduación das novas promocións de titulados universitarios formados na USC.
Lugo O reitor da USC, Juan Viaño Rey, presidirá este sábado, a partir das 16.30 horas, no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o acto conxunto de graduación de catro das titulacións de grao impartidas neste centro, unha cerimonia académica que contará coa participación de preto de 70 novos graduados/as e na que tamén intervirán o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta García, así como dos presidentes dos colexios oficiais de enxeñeiros técnicos agrícolas de A Coruña e Pontevedra, Rafael Muiños, e de Lugo, Armando Rey, repsectivamente. A intervención da profesora Elvira López Mosquera, que actuará como madriña da nova promoción do grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, servirá de preludio á entrega de diplomas e bandas conmemorativas aos 19 novos graduados. De seguido, Rodrigo Carballo Pérez, padriño da promoción do grao en Enxeñaría Civial, dará paso á entrega de insignias e imposición de becas aos 30 novos graduados. Os 15 alumnos da última promoción do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural formada na EPS terán como padriño ao profesor Pablo Vila Lameiro, mentres que os 4 novos titulados en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias estarán apadriñados pola profesora As intervencións dos representantes de alumnos de cada unha das titulacións da USC que participan neste acto de graduación e unha actuación do grupo de gaiteiros Cántigas e Frores servirá de colofón deste acto académico, tralo que todos os asistentes poderán compartir un aperitivo. Formación do Profesorado O acto de graduación da segunda promoción dos graos en Mestre/a en Educación Infantil e Mestre/a en Educación Primaria que completaron os seus estudos no período 2011-2015 na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo reunirá este sábado, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria a máis de 140 novos titulados universitarios. O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo da USC, Andrés Barreiro Lois, presidirá este cerimonia académica, na que tamén intervirá o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, así como os profesores Santiago López Gómez e Rubén Navarro Patón, que actuarán como padriños das promocións dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, respectivamente. As intervencións de Cristina López Rodríguez e Marta Sobrado Díez, en representación do grao de Mestre en Educación Infantil, e de Lois Garrido e Mª Estefanía Castaño, de Educación Primaria, así como a proxección de imaxes referidas a cada unha das dúas promocións, ademais da entrega de diplomas aos novos graduados e de agasallos aos padriños, completan o programa do acto. Santiago A promoción 2011-2015 de Relacións Laborais e Recursos Humanos celebrará este sábado 13 o seu acto de graduación nunha sesión ás 17.00 horas no Auditorio Abanca (r/ Preguntoiro, 23) que presidirá o vicerreitor de Internacionalización, Carlos Salgado López. Os profesores e padriños da promoción, Mario Lado Campelo e Yolanda Maneiro Vázquez, abrirán o acto cunha intervención á que seguirá Alejandro Pérez Otero en representación do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. As palabras de Lorena Viaño García en representación da promoción precederán á entrega do premio Javier Marañón, que na edición deste ano recaeu en Andrea Campañó, e á quenda de Sara Carreira López, igualmente integrante da promoción. O decano do centro, Juan José Ares Fernández, a entrega de diplomas e bandas conmemorativas e a proxección dun vídeo alusivo pecharán o acto.