Skip to main content

A sustentabilidade das explotacións de vacún e da paisaxe, a análise en cadanseu curso estival da USC en A Pastoriza e Guitiriz

Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC
Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC

A sustentabilidade económica, ambiental e social das explotacións de vacún de leite e a sustentabilidade da paisaxe centrarán a temática de dous cursos da Universidade de Verán 2015 da USC que se se desenvolverán en A Pastoriza e Guitiriz, respectivamente, do 21 ao 24 de xullo. O prazo de inscrición nestes seminarios estivais permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de xullo.

Dirixido polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC César Resch Zafra, o curso de verán ‘ Sustentabilidade económica, ambiental e social das explotacións de vacún de leite ante a reforma da PAC’, debullará os días 21 e 22 de xullo na Casa da Cultura do Concello da Pastoriza as liñas básicas da reforma da PAC e a súa incidencia directa sector lácteo. A importancia de saber manter o equilibrio entre o medio natural e os sectores produtivos, a análise dos mecanismos de produción de leite que combinen unha produtividade do sistema xunto cun respecto ao medio e as tendencias en canto aos requisitos da industria láctea con respecto a funcionalidade e calidade do leite, constitúen outras das cuestións sobre as que a disertarán os distintos relatores participantes neste foro, estruturado en 15 horas lectivas e cuxo programa inclúe visitas a explotacións gandeiras, así como á Lagoa de Cospeito. O curso de verán ‘ Sustentabilidade da paisaxe’ < /a>, dirixido polo profesor da USC Roxelio Pérez Moreira, converterá do 22 ao 24 de xullo a Casa Habanera de Guitiriz nun espazo de reflexión multidisciplinar respecto da paisaxe, no que os distintos relatores participantes achegarán ao público asistente as ferramentas e os coñecementos precisos para identificar as singularidades paisaxísticas, así como as estratexias de conservación e restauración que sirvan para garantir a sustentabilidade da mesma. Unha exposición sobre a relación do cambio climático coas novas paisaxes, a cargo do catedrático emérito de Edafoloxía e Química Agrícola USC Francisco Díaz-Fierros Viqueira abrirá o 22 de xullo a quenda de relatorios deste curso de verán, no que tamén se analizará a conservación dos bosques e hábitats naturais, a valorización da paisaxe a través das sendas verdes, a recuperación de solos e espazos degradados ou, entre outros temas, a restauración de áreas forestais queimadas.

The contents of this page were updated on 06.18.2015.