Skip to main content

A USC será a vindeira semana o foco de atención internacional dos avances na xenética para a produción acuícola

A Facultade de Dereito acolle do 21 ao 27 de xuño o XII Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura

Preto de trescentos delegados dun total de 46 países daranse cita do 21 ao 27 de xuño na duodécima edición do Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura que organiza o Grupo ACUIGEN da USC coa colaboración da Fundación CETMAR. O encontro inaugurarano oficialmente o luns 22 ás 8.30 na Facultade de Dereito o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o catedrático de Xenética do Grupo ACUIGEN, Paulino Martínez Portela. O desenvolvemento que a xenética experimentou nos últimos anos, xunto co abaratamento dalgúns dos procesos imprescindibles para a aplicación de marcadores e outras ferramentas, converteron esta disciplina nun piar fundamental para resolver algúns dos principais problemas que impiden o despegue definitivo da acuicultura. Así, a resistencia a enfermidades ou outras características de interese veranse favorecidas mediante a aplicación de programas de selección baseados en marcadores xenéticos, segundo lembran os promotores deste simposio. Na actualidade, apenas un 20% do consumo de produtos da pesca na UE procede da acuicultura europea, que xera arredor de 70.000 postos de traballo directos. Malia tratarse dun sector en expansión a nivel mundial, o seu crecemento en Europa foi escaso dende o comezo da década pasada. Por este motivo, a Comisión Europea incluíu na reforma da Política Pesqueira Común unha serie de medidas estratéxicas co obxecto de incrementar a competencia e contribuír ao desenvolvemento deste sector. O Simposio Internacional de Xenética en Acuicultura constitúe, neste senso, un acontecemento de gran transcendencia, que converterá a USC no centro internacional desta disciplina durante unha semana con centos de especialistas que compartirán os resultados e as liñas de investigación máis novas nun sector estratéxico para Galicia e para España e nun contexto de expansión internacional. Incremento da participación empresarial Os organizadores destacan ademais o éxito no incremento da participación empresarial no evento dado que aproximadamente un terzo das organizacións asistentes serán empresas. Cabe salientar a aposta realizada polas patrocinadoras, un total de 17, con presenza de diferentes sectores de actividade (acuicultura, biotecnoloxía, servizos de experimentación e materiais de laboratorio), procedentes dun total de 7 países, incluíndo varias firmas multinacionais. Neste sentido, agardan que ao longo do ISGA XII moitas mais empresas da contorna poidan aproveitar a presenza deste destacado grupo de expertos internacionais para establecer contactos e coñecer polo miúdo as oportunidades que os avances na xenética ofrecen ao desenvolvemento da produción acuícola. De feito, o simposio conta cun día especialmente dedicado á industria. Será o mércores 24 cando terá lugar unha mesa redonda, de acceso libre, sobre transferencia de tecnoloxía na que o secretario xeral da Federación de Produtores Europeos de Acuicultura, Courtney Hough, debaterá sobre as prioridades da industria europea respecto da investigación en xenética neste sector. O comité organizador do ISGA 2015 está presidido polo catedrático Paulino Martínez e formado por membros do grupo de investigación ACUIGEN do departamento de Xenética da Facultade de Veterinaria de Lugo e investigadores do INIA (Instituto Nacional de Investigación Agroalimentaria) en Madrid. O evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellaría do Medio Rural e do Mar, de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación e do IGAPE e da de Educación, así como do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

The contents of this page were updated on 06.19.2015.