Skip to main content

Once candidaturas compiten no V Findecurta, que entrega este venres os seus galardóns nunha gala na Praza de Santa María

Representantes dos equipos inscritos no V Findecurta con organizadores do certame
Representantes dos equipos inscritos no V Findecurta con organizadores do certame
A formación Factoría de Subsistencia, liderada por Josito Porto, abrirá a velada ás 21.00 horas co concerto de presentación en Lugo do seu último traballo, ‘Amores fraticidas’

A quinta edición do certame audiovisual 'Findecurta', unha iniciativa programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que busca servir de impulso a novos creadores audiovisuais, botará este venres, a partir das 21.00 horas, na luguesa Praza de Santa María, no marco dunha sesión na que se proxectarán as curtas presentadas a concurso polas once candidaturas inscritas neste certame para logo dar a coñecer a proposta máis valorada polo xurado e tamén a curta que conte con favor do público.

A cerimonia de clausura do V Findecurta, un maratón audiovisual coordinado por Bruno Maez e que un ano máis volveu congregar máis dun centenar de persoas arredor dunha disciplina artística en auxe como é a videocreación, comezará cun espectáculo musical a cargo de Factoría de Subsistencia.

A formación galega de “música de cansautor’, como a definen os propios integrantes, Josito Porto (voz e guitarra), Sabela Dacal (acordeón, piano e coros), José Lameiras (batería) e David Cid (baixo eléctrico), aportará o compoñente musical como preludio dunha velada cinéfila durante a que presentará en Lugo o seu último traballo, ‘Amores fraticidas’.

A curta galardoada polo xurado do V Findecurta recibirá o primeiro premio deste maratón audiovisual, dotado cunha gratificación en metálico de 400 euros. A esta distinción, cómpre sumar a participación deste traballo na sección de curtas da 41ª Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Asemade, a proposta máis votada polo público presente na cerimonia tamén tamén obterá como premio a súa participación na próxima edición do certame promovido polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá, no que competirá polo Premio á Mellor Curtamentraxe galega.

The contents of this page were updated on 05.09.2019.