Skip to main content

O grupo Iacobus da USC presenta este mércores dous libros en Historia

O grupo de investigación Iacobus da USC presenta este mércores 20 na Facultade de Xeografía e Historia o libro De nombres y obras e as actas do Congreso ‘Barroco Ibeoroamericano: identidades culturales de un imperio’, ambos publicados por Andavira e sometidos a avaliación por pares. O acto terá lugar ás 12.00 horas na Sala de Profesorado. De nombres y obras, sétimo número da serie Opus Monasticorum, céntrase en achegas dos diferentes membros do grupo de investigación sobre obras e artistas fundamentais da historia da arte galega, desde exemplos do monacato beneditino e cisterciense ata a ilustración galega de principios do século XX ou Eugenio Granell, pasando por textos dedicados á catedral de Santiago ou á serie de retratos de Gregorio Ferro Requeixo da familia de San Rosendo. O volume está dirixido polos docentes Ana E. Goy Diz e Juan Monterroso e coordinado por Carme López Calderón. Pola súa banda, a segunda publicación recolle as actas do congreso celebrado en Santiago de Compostela en maio de 2013. Son máis de 60 estudos sobre barroco iberoamericano realizados por investigadores españois, portugueses, ingleses, italianos e mexicanos e compilados baixo a coordinación de Carme López Calderón, da USC; María de los Ángeles Fernández Valle, da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla; e María Inmaculada Rodríguez Moya, da Jaume I.

The contents of this page were updated on 05.19.2015.