Gonçalo Guerreiro ofrece este xoves o seu repertorio de música lusófona nun concerto na Casa do Saber no ‘Lubicán íntimo’

A sonoridade universal da música portuguesa e as letras enraizadas nas cantigas lusófonas sonarán este xoves, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, da man de Gonçalo Guereiro, no marco dun concerto incluído no ciclo ‘Lubicán íntimo’, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.
Guerreiro ofrecerá en Lugo un repertorio de temas en portugués a partir de poemas de Fernando Pessoa, a través dos que o intérprete lembra as súas memorias na Lisboa natal. Trátase así dun repertorio de cantigas enraizadas na música lusófona que buscan unha sonoridade universal.
Gonçalo Guerreiro, afincado en Galicia desde hai anos, compaxina o seu labor de intérprete musical coas facetas de actor e director da compañía Elefante Elegante. Daquela, este artista mestura nos seus espectáculos ao vivo a música con recursos escénicos, a través dos que pretende a complicidade do público, que, neste concerto, gozará dunha viaxe desde a formación do Reino de Portugal ata a Revolución de Abril. Os concertos de Gonçalo Guerreiro sumen ao espectador nun universo rítmico e melódico que vai desde a nostalxia ao humor, do rock á canción de amor, e do pop ao jazz, pero sempre a través do fado.