Skip to main content

Investigadores, xornalistas e organizacións sociais buscan posturas comúns no primeiro encontro ‘Cidadanía e Educomunicación: cara unha comunicación non excluínte’

De esquerda a dereita, Julio José Fernández, Xosé Pereira, Marcelo Martínez e Ellen Helsper. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Julio José Fernández, Xosé Pereira, Marcelo Martínez e Ellen Helsper. Foto: Servimav-USC

O primeiro encontro ‘Cidadanía e Educomunicación: cara unha comunicación non excluínte’ xirará arredor dos grupos sociais máis vulnerabilizados da sociedade actual e fomentará a posta en marcha dunha comunicación que permita a inclusión destes grupos. O encontro celébrase este luns 25 e o martes 26 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC organizado polo proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), que desenvolven cinco grupos de investigación galegos, dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (Real_Code). Este proxecto está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión europea. Coa asistencia de investigadores, xornalistas, organizacións e activistas sociais, o encontro proprá que universidades, medios de comunicación e organizacións compartan nun único espazo as súas experiencias, colaboren e atopen puntos de encontro de cara a potenciar unha comunicación que sexa garante de respecto aos dereitos da cidadanía. O proxecto CIDEC centra a súa atención en catro colectivos sociais, persoas con diversidade funcional, mulleres, infancia e xuventude e persoas emigrantes. Na xornada inaugural, participaron o Valedor do Pobo Galego, Julio José Fernández, e o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, acompañados do coordinador do encontro, o profesor Marcelo Martínez. Dentro do encontro haberá dúas conferencias, a primeira este mesmo luns a cargo de Ellen Helsper da London School fo Economics sobre educomunicación e desigualdade social. Natalia Ribas, da Universitat Autònoma de Barcelona, impartirá a segunda o martes ás 10.00 horas dedicada a migracións, xénero e desigualdade social. Tras as conferencias están previstas dúas mesas cada día nas que representantes de organizacións e activistas sociais debaten sobre cuestións de especial relevancia e actualidade para os catro grupos sociais nos que se centra o encontro. O luns, a partir das 16.00 horas, ten lugar unha mesa entre xornalistas e organizacións sociais sobre o emprego de linguaxe non excluínte nos medios de comunicación e o martes, tamén ás 16.00 horas, dúas educadoras de PLatform London impartirán un obradoiro orientado a educadores e investigadores sobre o seu proxecto Shake!, no que traballaron con adolescentes en risco de exclusión en Londres. Todas as sesións do encontro levaranse a cabo no Visionado 1 da Facultade e estarán abertas a toda a cidadanía, a excepción deste último obradoiro, a celebrar no Plató 2 e que require inscrición previa.

The contents of this page were updated on 05.25.2015.