Investigadores de CIMUS e CIQUS buscan sinerxías no desenvolvemento de fármacos
Co desenvolvemento de fármacos como nexo común, os centros singulares de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago analizarán conxuntamente a próxima semana nunha xuntanza de traballo as distintas fases de descubrimento e desenvolvemento de fármacos para identificar e potenciar sinerxías entre ambos centros. Na Aula Magna da Facultade de Bioloxía o próximo 11 de xuño, a xornada servirá tamén para reflexionar sobre o emprego de instrumentos públicos de financiamento competitivo. O encontro comezará coa presentación de Jordi Xaus, alliance manager de Oryzon Genomics, dun caso de éxito que ilustre o proceso de transferencia dende o laboratorio ao paciente. No desenvolvemento do programa, representantes de distintos grupos de investigación que traballan nos dous centros singulares de Campus Vida, presentarán as súas liñas actuais de investigación en eidos como a química, biomateriais e nanoarquitecturas no deseño de medicinas avanzadas, ferramentas biotecnolóxicas ou desenvolvemento de novos compostos fronte infeccións resistentes. A xornada completarase coa celebración dunha mesa de debate co lema ‘Del factor de impacto ao impacto socioeconómico’, na que participarán representantes institucionais de entidades relacionadas na materia (Xunta, Ministerio de Economía e Competitividade e Instituto de Saúde Carlos III) e moderada polos directores do CIMUS e do CIQUS, Carlos Diéguez e José Luis Mascareñas, respectivamente.