Skip to main content

Comeza a desenvolverse a programación da Universidade de Verán

Comeza a desenvolverse a programación da Universidade de Verán
Comeza a desenvolverse a programación da Universidade de Verán
UNIVERSIDADE DE VERÁN

A próxima semana dará comezo a programación dos cursos da Universidade de verán da USC. Propóñense catro seminarios, tres deles en Santiago e un en Lugo, con temáticas tan variadas como a radioloxía, a auga, a química ou a loita contra a pobreza. Química O ‘IV Curso de divulgación: a Química, a ciencia que envolve as nosas vidas’, con máis de 60 inscritos, desenvolverase entre o 8 e o 11 de xuño na Aula Magna da Facultade de Química co obxecto de dar a coñecer as melloras que achega a Química nos campos da saúde, alimentario, as ciencias forenses, o medioambiente e mesmo a economía. Pero ademais, entre outras aplicacións, achega continuamente novos materiais que facilitan a vida e solucións para a xestión da enerxía e da auga. Nesta cuarta edición inclúense sesións nas que se destaca a influencia das actividades antropoxénicas sobre a calidade da auga, se exploran as aplicacións dos novos materiais intelixentes para detectar drogas, se fala da seguridade dos cosméticos, de se os medicamentos son só química ou do uso de mostras biolóxicas para a análise de drogas. Abórdanse tamén os avances na química dos alimentos e os factores que inflúen na transformación das materias primas, a química do viño e a súa análise sensorial e os novos riscos asociados á contaminación química do entorno. Radioloxía Adquirir coñecementos para familiarizarse coa especialidade de Radiodiagnóstico é o cometido do curso de verán ‘A radioloxía no século XXI’ que se desenvolverá os días 8 e 9 no Aulario Novoa Santos da USC. Trátase de dar a coñecer os aspectos fundamentais da formación dos residentes así como a visión dos novos profesionais sobre a súa experiencia durante a residencia. Auga O curso ‘ Paisaxes da auga, cultivos da auga, leis da auga’ reunirá entre o 8 e o 10 de xuño nas instalacións do Ibader en Lugo os diferentes axentes implicados na utilización e gobernanza da auga para reflexionar sobre as accións que permitan conservar paisaxes, racionalizar o seu uso e propoñer os instrumentos normativos que o posibiliten. Loita contra a pobreza O martes 9 dará comezo na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais de Santiago o último curso da vindeira semana, ‘A loita contra a pobreza: a Axenda de Desennvolvemento Post 2015’ que discorrerá ata o xoves 11 e que analizará as causas e consecuencias da pobreza, os logros dos obxectivos de desenvolvemento do milenio e os de desenvolvemento sostible e, por último, o sistema internacional de cooperación fronte ao horizonte post 2015.

The contents of this page were updated on 06.05.2015.