Skip to main content

O IDEGA homenaxea cun seminario o experto en planificación económica rexional Geoffrey J.D. Hewings

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e GAME (Grupo de Análise e Modelización Económica) organizarán este martes 9 a o mércores 10 a sexta edición dun encontro que honra a Geoffrey J.D. Hewings, director e co-fundador do Regional Economics Applications Laboratory (REAL) da Universidade de Illinois at Urbana-Champaign (EE.UU.) e un dos maiores expertos do mundo en planificación económica rexional. O programa, que se desenvolverá no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, conta coa colaboración da Asociación Galega de Ciencias Rexional. A sesión inaugural está prevista que se celebre a partir das 17.00 horas. Esta xuntanza científica permite que estudantes de doutoramento e doutores recentes en Economía teñan a oportunidade de discutir os seus proxectos de investigación co profesor Hewings. Nesta ocasión, investigadores de Italia e Arxentina así como das universidades de Estremadura, Oviedo, A Coruña e Santiago de Compostela presentarán as súas liñas de traballo arredor dun abano de temas nos que se prestará atención a cuestións relacionadas coa cohesión de políticas monetarias na Unión Europea, fondos soberanos nos mercados globais ou impacto económico da industria da pesca artesanal, entre outros exemplos. Pioneiro A aparición do REAL, que dirixe dende o principio o profesor Hewings, supuxo unha nova forma no quefacer dos institutos de investigación en economía aplicada do mundo por canto adoptou un enfoque eminentemente práctico –de aí a inclusión do termo ‘laboratorio’ na súa definición- á vez que tentaba desenvolver novas tecnoloxías nese campo de estudo e traballo. Ademais, foi un dos pioneiros na implicación, en materia económica, da actividade académica na sociedade á que se dirixe. Geoffrey Hewings, profesor de Economía e Planificación Urbana e Rexional na Universidade de Illinois, foi ademais presidente da Asociación Internacional de Ciencia Rexional (RSAI) que aglutina principalmente a persoal investigador nos eidos da economía, a xeografía e o urbanismo e da International Input-Output Association (IIOOA), entre outras sociedades científicas.

The contents of this page were updated on 06.08.2015.