Skip to main content

O Museo de Historial Natural súmase ao Día Internacional dos Museos xunto con outros sete centros de Compostela

Representantes das institucións participantes no Día Internacional dos Museos en Compostela. Foto: MV
Representantes das institucións participantes no Día Internacional dos Museos en Compostela. Foto: MV
O Museo de Historial Natural súmase ao Día Internacional dos Museos xunto con outros sete centros de Compostela

O 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos co lema ‘Os museo como eixes culturais. O futuro da tradición’, proposto polo ICOM (Consello Internacional de Museos) para a celebración do DIM (Día Internacional dos Museos). En Santiago e como xa é habitual dende hai oito anos, esta convocatoria desenvolverana de xeito conxunto oito institucións: Museo do Pobo Galego, CGAC, Museo de Historia Natural, Museo Casa de la Troya, Fundación Eugenio Granell, Museo Pedagóxico de Galicia, Museo da Catedral e Museo das Peregrinacións e de Santiago. A proposta foi presentada este luns no Mercado de Abastos da cidade.

Nesta colaboración inter-institucional, onde cada museo presenta unha programación especial, créase unha aposta común combinada cunha das tradicións máis antigas e destacadas de Compostela, o Mercado de Abastos. Nado en 1870 para unificar os postos espallados pola cidade e concentrándoos nun mesmo espazo, funciona actualmente con 177 negocios e numerosos postos exteriores. Neste caso os museos da cidade realizarán un desconto especial ás persoas que realicen compras no Mercado de Abastos, creando unha relación entre o comercio tradicional e os espazos culturais de Compostela. Unha relación aberta que crea novas perspectivas no futuro da tradición.

Museo de Historia Natural
Todos os centros participantes celebrarán unha xornada de portas abertas o Día Internacional dos Museos, o sábado 18 de maio, ademais de visitas guiadas gratuítas. No caso do Museo de Historia Natural da USC, o sábado 18 realizará visitas guiadas de balde, deseñadas tanto para familias como para o público en xeral, cunha duración aproximada dunha hora.

The contents of this page were updated on 05.20.2024.