Skip to main content

‘GFlops ou dinosaurios’, conferencia en Física sobre a computación de altas prestacións

O responsable do departamento de Aplicacións e Proxectos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Andrés Gómez Tato, pronunciará este martes 5 unha conferencia na Facultade de Física baixo o título ‘GFlops ou dinosaurios’. Na charla, ás 19.00 horas na Aula Magna do centro e para a que se recomenda levar un teléfono móbil, farase unha breve introdución á computación de altas prestacións (HPC), ferramenta hoxe imprescindible para investigadores e enxeñeiros ata tal punto que se chega a considerar como “os novos laboratorios”. Ademais da súa forma de programar en HPC, a súa utilidade, vantaxes e limitacións, o relator falará da súa aplicación a diversas áreas da Física e explicará os servizos que están dispoñibles para os investigadores no CESGA.

Andrés Gómez Tato é doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de prestar servizo aos investigadores usuarios do CESGA, investiga en cuestións relacionadas coa aplicación da HPC a diferentes áreas, como a oceanografía ou a radioterapia, fundamentalmente na mellora do rendemento das aplicacións ou na execución en modo operacional, onde se precisa garantir unha calidade de servizo.

The contents of this page were updated on 05.04.2015.