Skip to main content

A USC conmemora este mércores 25 o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres

A USC conmemora este mércores 25 o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres
A USC conmemora este mércores 25 o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres
Instalarase un punto informativo en Campus Vida, por onde discorrerá unha marcha do alumnado, e programouse un acto institucional en Xeografía e Historia

A conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contras as Mulleres este mércores 25 na USC agrupará unha serie de iniciativas que chaman a atención sobre un fenómeno ao que a Organización de Nacións Unidas tense referido como a forma máis “extrema da desigualdade global e sistémica que sofren as mulleres e as nenas. Non coñece fronteiras xeográficas, culturais nin socioeconómicas”. Segundo datos desta organización, “en todo o mundo, unha de cada tres mulleres será obxecto de violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida, en formas que van dende a violación e a violencia doméstica ata a intimidación e o acoso no traballo e en Internet”.

Este xornada arrancará na Universidade de Santiago coa inauguración do Programa de Concienciación e prevención da violencia de xénero nos sete campus universitarios da Secretaría Xeral da Igualdade. Nunha sesión na Biblioteca Concepción Arenal ás 11.00 horas, acudirán á inauguración dun punto informativo deste programa os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, Juan Viaño e Xosé Luís Armesto, a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González, e o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, e unha representación de Abanca e El Corte Inglés, como entidades colaboradoras.

Ademais de entregar material informativo e xestionar consultas, neste punto de atención as persoas interesadas poderán deixar constancia da súa reivindicación en forma de foto coa campaña ‘ Un selfie contra o mal amor’. O punto estará dispoñible posteriormente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago (xoves 26) e na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo (luns 30).

Acto institucional
Na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, o acto institucional desta xornada reivindicativa comezará ás 12.30 horas presidido pola vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, xunto a quen tamén intervirá a secretaria xeral da Igualdade Susana López Abella.

Nesta sesión, na que tamén participan o decano de Xeografía e Historia, Juan Monterroso, e o director do Servizo de Publicacións, Juan l. Blanco Valdés, presentarase a segunda edición do libro 7 relatos curtos contra a violencia de xénero e entregaranse os premios correspondentes ao II Concurso de Lemas contra a violencia de xénero. Ademais, o director da Unidade de Psicoloxía Forense da USC, Ramón Arce Fernández, dará lectura á declaración institucional de rexeitamento á violencia de xénero.

Como remate do acto, convidarase ao público asistente a unirse á marcha do 25N que organiza estudantado da titulación de grao en Educación Social. A marcha percorrerá diversos puntos de Campus Vida dirixida a todo o alumnado, a quen se convidou a participar levando vestimenta de cor negra ou tons escuros. A comitiva institucional uniríase a esta marcha no punto final, na Biblioteca Concepción Arenal.

The contents of this page were updated on 11.24.2015.