Skip to main content

Veterinaria organiza este luns obradoiros en investigación e acuicultura co gallo da celebración do Día da Acuicultura

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
As distintas actividades programadas rematarán cunha degustación gratuíta de produtos de acuicultura

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo súmase este luns 30 de novembro á celebración do Día da Acuicultura coa organización dunha xornada informativa e de divulgación no marco da que se desenvolverán diversos talleres de investigación e acuicultura, ademais dunha degustación de produtos acuícolas.

O obxectivo desta xornada pasa por mostrar e, se cabe, salientar a importancia da investigación no desenvolvemento social e económico no eido da acuicultura. Con este obxectivo, os promotores desta xornada organizarán varios talleres interactivos nos laboratorios da facultade, a través dos que os distintos profesores e investigadores implicados nesta actividade, amosarán aos participantes as actividades relacionadas coa acuicultura que se desenvolven nos distintos laboratorios da Facultade de Veterinaria de Lugo. A profesora de Anatomía Patolóxica Veterinaria da USC María Isabel Quiroga abrirá o luns 30 de novembro esta xornada sobre acuicultura cun acto informativo e de benvida ás persoas participantes que se desenvolverá a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria. Unha vez rematada esta sesión, as persoas participantes, distribuídas en grupos reducidos e acompañados dun titor, poderán participar nos distintos obradoiros de investigación programados e coas que tamén poderán coñecer distintos laboratorios e grupos de investigación do centro universitario lugués. Daquela, o programa desta xornada sobre acuicultura permitirá aos participantes desenvolver distintas actividades científicas en colaboración con integrantes do grupo de investigación de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica), Anatomía Patolóxica, Cirurxía radioloxía e ecografía experimental veterinaria e Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos. As persoas interesadas en tomar parte nesta xornada sobre acuicultura, organizada pola USC en colaboración coa Asociación Galega de Piscifactoría de Troita (Atrugal), a Asociación de Produtos de Rodaballo de Galicia (Aroga) DOP Mexillón de Galicia e o Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeira Sacra, poden aínda formalizar a súa inscrición na xornada a través dos números de teléfono 982 822 304, 982 822 305 e 982 822 306, ou ben a través do enderezo de correo electrónico misabel.quiroga [at] usc.es (misabel[dot]quiroga[at]usc[dot]es) Unha vez rematadas as sesións formativas e de divulgación programadas ao abeiro desta xornada monográfica sobre investigación en acuicultura, un foro que tamén permitirá dar visibilidade ás principais liñas de investigación desenvolvidas na facultade de Veterinaria de Lugo no eido da acuicultura, as persoas asistentes poderán participar de xeito gratuíto nunha degustación de produtos acuícolas.

The contents of this page were updated on 11.27.2015.