Unha investigación de Veterinaria achega claves para mellorar a produtividade e a saúde animal no sector porcino industrial
O estudo e a identificación das principais problemáticas rexistradas na contorna das explotacións industriais do sector porcino, así como nos procedementos de manexo centran a finalidade das investigacións desenvolvidas polo veterinario cambadés Javier Oliveira Álvarez no marco da tese de doutoramento ‘Trastornos sanitarios e produtivos en explotacións porcinas durante o crecemento e ceba: o papel do medio ambiente e do manexo’, que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.
A tese realizada por Oliveira Álvarez baixo a dirección dos profesores da USC Eduardo Yus Respaldiza e Javier Guitián está estruturada en cinco investigacións de carácter independente, a través das que este veterinario pretende achegar información de utilididade que sirva de apoio para a toma de decisións en materia de manexo, saúde e produtividade nas explotacións porcinas durante as etapas de crecemento e cebo dos animais. A información analizada en cada un dos traballos de investigación compilados por Oliveira Álvarez na súa tese de doutoramento foi recollida nas propias explotacións porcinas de carácter industrial, nas que este veterinario realizou un estudo polo miúdo dos principais trastornos que afectan aos porcos, así como da propia contorna de cada unha das granxas de porcino. Este sector gandeiro é relativamente pouco recoñecido en Galicia, pero que cumpre un importante cometido como complemento na articulación socioeconómica das áreas rurais, sinala Javier Oliveira. A maior parte da produción porcina en Galicia, do mesmo xeito que no resto de España onde se producen uns 3,5 millóns de TM de carne de porco cada ano, orixínase en grandes explotacións de reprodutoras que son capaces de abastecer de leitóns (animais cun peso aproximado dun 20 kg) a granxas onde se ceban os animais ata que acadan un peso aproximado de 100kg. Daquela, cando se fala de sector porcino industrial cómpre referirse a un modelo de produción moi concentrado e intensificado que se caracteriza polo seu enorme dinamismo. Precisamente este dinamismo foi capaz de reducir de forma progresiva os custos de produción das explotacións, incrementar a calidade dos seus produtos e, en consecuencia, redefinir e modernizar un sector para dar resposta e satisfacer uns mercados cada día máis esixentes. A pesar destes avances en materia sanitaria e produtiva, as explotacións enfróntanse a diversos trastornos, na súa maioría de gran complexidade e intimamente relacionados coa contorna e o manexo. A día de hoxe, o sector reclama que os servizos e a formación veterinaria oriéntese non só á curación de animais enfermos ou a reducir a presentación de enfermidades, senón que tamén desexa contar cun asesoramento que lle permita optimizar todos os seus procesos produtivos para poder seguir sendo altamente competitivo, subliña Oliveira Álvarez. Investigacións Na primeira das investigacións incluídas nesta tese, Oliveira contrastou a eficacia de diversas medidas de prevención e control do complexo respiratorio porcino, unha das enfermidades máis graves e estendidas entre os porcos en crecemento. Os resultados obtidos abalan o emprego de procedementos de manexo dirixidos a aumentar e manter de forma natural a inmunidade dos porcos e rexeitan a administración de vacinas en momentos moi precoces. Logo deste primeiro estudo, na tese de Oliveira Álvarez descríbese a extensión das principais enfermidades respiratorias en Galicia e analízase a súa distribución segundo o modelo produtivo das explotacións. A información obtida permite valorar a situación sanitaria de Galicia e suxire que a implementación das estratexias de control e os seus obxectivos deben ser diferentes segundo o modelo produtivo. Outra das achegas desta tese de doutoramento vén dada por un experimento de campo no que se dá unha resposta consistente ante a aparición de leitóns atrasados con pouco peso. Este estudo afirma que a administración de determinadas sustancias antiinflamatorias mellora, aínda que levemente o crecemento dos animais e subliña que a capacidade para aumentar o crecemento das reses porcinas en etapas moi temperás é bastante limitado. Doutra banda, a investigación desenvolvida por este veterinario cambadés tamén sirve para demostrar como o manexo e a contorna das explotacións condicionan substancialmente o consumo de penso e, en moita menor medida, a mortalidade durante as etapas de crecemento e cebo. Asemade, a tese inclúe tamén unha investigación comparativa dos principais indicadores produtivos durante o cebo segundo o tipo de explotación de procedencia. Aínda que se observaron diferenzas significativas na mortalidade, duración do período de cebo e nas cantidades de penso consumido, estas foron pequenas e os resultados económicos finais suxiren que asignar unhas mellores ou peores expectativas sen incluír información sanitaria das explotacións provedoras de leitóns é pouco consistente. Tribunal da tese e cualificación O catedrático de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da Autónoma de Barcelona Jordi Casal Fábregas presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Javier Oliveira Álvarez e que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude. Cinta Prieto Suárez, profesora de Sanidade Animal na Complutense de Madrid; Ana María Carvajal Ureña, da Universidade de León; Francisco Javier Diéguez Casalta, da USC, e Carmen Eiras Ferreiro, xefa de servizo de Seroloxía, do Laboratorio de Sanidade e e Produción Animal da Xunta de Galicia, completan a composición do tribunal avaliador.