Skip to main content

A Universidade de Verán 2019 da USC oferta 40 cursos monográficos en once localidades de toda Galicia

Pablo Sampedro e Mar Lorenzo, no encontro cos medios de comunicación para presentar a Universidade de Verán 2019. Foto: Servimav-USC
Pablo Sampedro e Mar Lorenzo, no encontro cos medios de comunicación para presentar a Universidade de Verán 2019. Foto: Servimav-USC

A Universidade de Verán da USC ofertará este ano un total de 40 cursos en once localidades galegas, entre elas Santiago e Lugo. Os detalles da programación presentáronos en rolda de prensa a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro. A vicerreitora salientou a Universidade de Verán como “unha aposta consolidada da USC dentro da súa programación cultural” e como un exemplo de cooperación interinstitucional a través da implicación das deputacións da Coruña e Lugo e dos concellos nos que se desenvolverán os distintos cursos que se celebran fóra de Santiago ou a cidade das murallas romanas. Neste senso, Pablo Sampedro subliñou a vocación de extensión universitaria da programación na medida en que “leva a universidade fóra das súas fronteiras naturais” a un público o máis amplo posible.

O prazo de matrícula abrirase este mércores 15 tanto para a modalidade en liña como para a presencial ou telefónica e permanecerá aberto ata dez días antes do inicio do propio curso. Contémplanse dúas taxas xerais -de 120 euros para os cursos de 25 ou máis horas e de 70 euros para o resto- e outra de carácter reducido (de 70 ou 40€, en función da carga docente) para alumnado universitario, de bacharelato ou de FP, así como para pensionistas, desempregados/as, socios da Asociación Alumni USC, PAS e PDI da USC. Como lembrou o director da Área de Cultura da USC, a Universidade compostelá mantén un ano máis os prezos conxelados.

O maior número de cursos –que contan co apoio das Deputacións da Coruña e Lugo- concéntranse en Compostela e Lugo, con 23 e 8 respectivamente. Matemáticas a través da arte, a Axenda 2030, adicións químicas e psicolóxicas, o medio ambiente, turismo científico, bioarqueoloxía, empoderamento das mulleres nos medios, bioimpresión 3D, economía e saúde, SIX, morte digna, familia e infancia, sustentabilidade do sector agroalimentario, cambio climático ou material forestal no mundo da moda son algúns dos temas da oferta do Campus de Santiago.

En Lugo, os cursos tratarán diversas temáticas como a pegada humana, introdución ás opcións procesuais, o ensino, os bosques antigos, as plantas medicinais, casas niño no rural ou patrimonio natural e biodiversidade. Outras localidades ás que chegará este ano a Universidade de Verán da USC 2019 son Allariz, Ares, Lalín, Láncara, Meis, Oia, Rianxo, Ribeira e Sada para analizar temas como a conservación da natureza en Ferrolterra, feminismo, retos da atención ás demencias, os viños galegos, oncoloxía integrativa, a relación coa lusofonía, violencia de xénero e o Pazo de Meirás.

As persoas inscritas nun curso de verán recibirán, sempre que asistan ao 80% das horas lectivas, un diploma acreditativo da súa participación e créditos ECTS para o estudantado de ata dous créditos polos cursos de máis de 25 horas e de 1 polos de menor carga docente.

The contents of this page were updated on 05.14.2019.