Lembran a figura de José Rodríguez González, ‘o matemático do Bermés’ que fora catedrático na USC
A Facultade de matemáticas da USC rendeu este mércores homenaxe ao ilustre matemático da USC José Rodríguez González, coñecido como ‘o matemático do Bermés’ que fora catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago nos primeiros anos do século XIX. Na aula magna do centro tivo lugar a cesión por parte da Facultade de Dereito dun vítor ao científico que reza «D. José Rodríguez González, catedrático de Matemáticas de esta Universidad, nombrado por el emperador de Rusia para dirigir el Observatorio de San Petersburgo, profesor de Astronomía en el Museo de Ciencias Naturales de Madrid y director del Observatorio Astronómico. Naturalista distinguido, y compañero de los sabios franceses Riot y Arago en la medición del arco del Meridiano, diputado a Cortes». No acto interviñeron a decana de Matemáticas, Victoria Otero, o seu homólogo de Dereito, Luis Míguez, e o profesor Xosé María Masa Vázquez, que fixo unha semblanza de José Rodríguez González (Bermés, Lalín 1770 - Santiago de Compostela, 1824), nado no seo dunha familia labrega e cunha extraordinaria capacidade para as ciencias coa que acadaría unha bolsa para estudar en Santiago, onde ocuparía unha cátedra. A súa inquedanza científica levouno a viaxar para investigar en varias universidades europeas, pasando varios anos en Paris, en Londres e na universidade de Gotinga, na que estudou cristalografía. As súas achegas matemáticas diríxense aos eidos da xeodesia e a astronomía. O zar Alexandre II ofreceulle a dirección do Observatorio Astronómico de San Petesburgo, que non chegou a aceptar, sendo nomeado catedrático de Astronomía da Universidade de Madrid.
O profesor Masa lembrou tamén o seu talante liberal e progresista, representando a Galiza como deputado nas Cortes Constituíntes de 1820, no chamado Trienio Liberal.