Skip to main content

A obra de José Ángel Valente, ao que a USC dedica unha cátedra de Poesía e Estética, centra dúas teses na Universidade de Trento

O escritor e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer co dirixe unha investigación e forma parte do tribunal que avaliará o outro estudo presentado sobre o poeta ourensán

A obra do poeta ourensán José Ángel Valente, cuxo legado é o eixo da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente da USC, centran as temáticas de dúas teses de doutoramento que se presentan este venres 15 de maio na Universidade de Trento.

O director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía Estética da USC, o profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer, é, xunto co hispanista e tradutor de Valente ao italiano Pietro Taravacci, co director da investigación desenvolvida por italiana Elsa María Paredes Bertagnolli baixo o título ‘Os camiños ecfrásticos da palabra ao borde da visión: Valente, Durero e o ‘novelo negro’ de Interior con figuras’. Unha vez rematada a presentación e defensa desta tese de doutoramento, o propio Claudio Rodríguez Fer formará parte do tribunal encargado de avaliar outra tese de doutoramento sobre a figura e a obra de José Ángel Valente. Trátase neste caso dunha investigación desenvolvida polo italiano Stefano Pradel, tamén pertencente á escola valentista trentina, que leva por título ‘Para unha estética do fragmento en José Ángel Valente’. Tralas súas intervencións na Università degli Studi di Trento, Claudio Rodríguez Fer aproveitará a súa estadía na cidade italiana para presentar o sábado 16 de maio, na Librería Mardi Gras de Bolzano, a súa antoloxía poética ‘Ansia das alas’, unha obra traducida ao italiano como ‘L’a nsia di avere le ali’. No acto de presentación deste compendio poético, Rodríguez Fer estará acompañado da filóloga Christine Sutfferin, principal tradutora desta colectánea de versións, quen recitará en italiano o poemas traducidos, moitos deles escritos en Italia e alusivos a Venecia, Florencia e á Campania (Vesubio, Pompeia, Nápoles, Cumas, Paestum).

The contents of this page were updated on 05.14.2015.