Skip to main content

O 60 por cento das explotacións vitivinícolas do Ribeiro e Rías Baixas operan de maneira ecoeficiente

Emisións de gases de efecto invernadoiro na DO Ribeiro no período 1990-2009
Emisións de gases de efecto invernadoiro na DO Ribeiro no período 1990-2009
Pedro Villanueva Rey analiza na súa tese a sustentabilidade da pesca e a viticultura galega

Un 60% das explotacións vitivinícolas das Denominacións de Orixe Ribeiro e Rías Baixas traballan dun xeito ecoeficiente dacordo ás diversas etapas do ciclo de vida, dende a explotación ata o embotellado do viño. O dato despréndese da tese de doutoramento de Pedro Villanueva, que estuda a aplicación da perspectiva do ciclo de vida na análise dos procesos do sector da alimentación en Galicia na procura da ecoeficiencia, en concreto a pesca e a viticultura.

A partir do dato positivo no sector vitivinícola definiu unha guía de boas prácticas para minimizar os impactos ambientais asociados a dita actividade. Ademais, cuantificou as emisións de gases de efecto invernadoiro da DO Ribeiro para o período 1990-2009, combinando as diferentes dinámicas de uso do solo (análise mediante sistemas de información xeográfica) e da análise de ciclo de vida.

No traballo calculou tamén o perfil ambiental de diferentes produtos de orixe mariña (variñas de pescada) e da pesca extractiva (pescada, polbo, rape, sardiña) mediante o uso da análise de ciclo de vida, a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética de orixe proteico (TRE prot, cociente entre a enerxía que aporta un alimento e a enerxía necesaria para a súa obtención). As capturas da flota galega no seu conxunto presentan un valor de TRE do 7,6%, moi bo resultado posto que é un dos valores máis altos dos diferentes alimentos dunha dieta equilibrada, cuxa media se atopa arredor do 3%.

Pedro Villanueva defendeu este venres a súa tese ‘From Vineyard to Sea: Application of life cycle assessment to wine and seafood sectors’, que dirixiron Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, do Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC. O doutorando fixo unha estadía no College of Agriculture and Natural Resources da University of Wyoming (EE.UU), un mérito que sumado á presentación e defensa da tese en inglés lle permitiu atinxir a mención de doutoramento europeo.

Da tese derivaron 9 artigos en revistas científicas indexadas no ‘Scientific Citation Index’: AMBIO (Factor de Impacto: 2,641), Environmental Science & Policy (3,018), Food Policy (1,799), Journal of Cleaner Production (3,844), Journal of Environmental Management (2,723), Science of the Total Environment (4,099), The International Journal of Life Cycle Assessment (3,988).

Dende setembro de 2015 Villanueva investiga na Fundación Chile, organismo dependente do Goberno chileno que ten como obxectivo a sustentabilidade (especialmente a pegada de carbono) dos produtos alimentarios chilenos cara ás novas tendencias na demanda dos mercados europeo e norteamericano.

Mapa cos diversos portos onde se inventariou a flota pesqueira galega da sardiña Villanueva ao remate da defensa da tese de doutoramento Pedro Villanueva co tribunal e os directores da tese

The contents of this page were updated on 10.30.2015.