Skip to main content

Un seminario promoverá a dinamización lingüística entre o alumnado

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) organiza en Santiago e en Lugo o Seminario de dinamización lingüística para o alumnado que se dirixe preferentemente a estudantes membros das comisións de normalización, representantes do alumnado en órganos de goberno, membros de asociacións estudantís e alumnado interesado.

Na aula ‘Lete del Río’ da Facultade de Dereito o venres 13 o en Lugo o día 27 de novembro, o seminario desenvolverase en horario de 10.00 a 15.00 horas cun máximo de 30 prazas que se cubrirán, en principio, por orde de inscrición aínda que o Servizo de Normalización se reserva o dereito a seleccionar as solicitudes co fin de promover a diversidade de centros e organizacións. As listas de admitidos e de agarda publicaranse os días 11 e 25 de novembro.

O obxectivo desta acción é favorecer a aparición de axentes normalizadores entre o alumnado e nas asociacións estudantís. Combinando breves exposicións teóricas e o coloquio entre participantes, o seminario aborda a situación sociolingüística de Galicia e da USC, como aproveitar o marco legal da USC neste ámbito, os recursos para a normalización lingüística, a organización da universidade compostelá no eido normalizador e a dinamización lingüística e o papel dos/as dinamizadores. As persoas interesadas poden acadar máis información na web do SNL.

The contents of this page were updated on 11.06.2015.