Os tempos sociais, educativos e escolares centran esta semana un encontro na USC
Pór en valor os avances das últimas décadas na investigación dos tempos educativos e sociais, co énfase nos puntos críticos e nas propostas que orienten unha mellor construción da identidade xuvenil na vida cotiá e nas súas aperturas cara unha a sociedade de redes. Con esa finalidade o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA-interea) organiza este xoves 12 e o venres o II Seminario Internacional Tempos Educativos e Sociais.
O encontro enmárcase no proxecto de investigación RESORTES ‘Dos tempos educativos aos tempos sociais: a construción cotiá da condición xuvenil nunha sociedade de redes. Problemáticas específicas e alternativas pedagóxico-sociais’ coordinado pola Rede OcioGune e financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e os Fondos FEDER. Participan nel ademais da USC as universidades de Deusto, UNED, Barcelona, A Rioxa e Burgos. O seu investigador principal é o catedrático de Pedagoxía Social da USC José Antonio Caride Gómez, coordinador tamén do grupo SEPA-interea.
Aberto a calquera persoa interesada, o seminario desenvolverase na Facultade de Ciencias da Educación (campus Vida) co obxecto de analizar e debater o estado da cuestión arredor dos tempos sociais, educativos e escolares e presentar os avances do Proxecto RESORTES. Profundarase ademais nas percepcións sociais e a intervención psicosocial sobre os usos do tempo, as prácticas culturais e identidades asociadas así como nas contribucións da educación ao emprendemento da xuventude e da súa participación na creación e gobernanza dos seus espazos de lecer como un factor de desenvolvemento persoal e social.
A vida familiar e os aportes do ocio físico-deportivo xuvenil á mellora da calidade de vida e do benestar colectivo e a articulación cotiá dos procesos de socialización xuvenil nas redes comunitarias e nos procesos de desenvolvemento local son outras cuestións nas que profundará este encontro científico, que logo elevará recomendacións e propostas de actuación a diferentes entidades e organismos.