Un consorcio internacional con participación da USC profunda na comprensión do Rhodnius prolixus, implicado na transmisión da enfermidade de Chagas
Con apenas 34 milímetros, o Rhodnius prolixus é un insecto ao que algúns estudosos atribúen unha grande capacidade para alimentarse da sangue de mamíferos e aves, ata 300 miligramos en 15 minutos. Os seus hábitos alimenticios convérteno nun dos vectores máis importantes de transmisión do parásito Trypanosoma cruzi, o causante da enfermidade de Chagas ou enfermidade do pobre. Anualmente, por causa desta doenza morren 10.000 persoas e estímase que aproximadamente cen millóns en risco de infección.
Un consorcio internacional, no que participan investigadores da USC, acaban de publicar a primeira secuenciación do xen deste insecto o que achega información de relevancia sobre a fisioloxía e evolución do Rhodnius prolixus. En total, o traballo investigador realizado permitiu a identificación dos 15.000 xenes presentes neste insecto. Como característica particular e diferenciadora fronte outros insectos vectores de enfermidades, o Rhodnius prolixus “manifesta unha expansión de familias xénicas vinculadas á súa forma de alimentación, en concreto xenes que participan na alimentación, dixestión e receptores químicos”, explica Marta Tojo, investigadora do Departamento de Fisioloxía da USC a través do programa I2C da Xunta de Galicia.
A importancia do traballo agora publicado en PNAS radica en que “coñecer os xenes involucrados no comportamento biolóxico deste insecto é fundamental para desenvolver novos métodos máis eficaces para control destas pragas”, engade a investigadora da USC. Baixo a dirección de Pedro L. Oliveira, da Universidade Federal do Rio de Janeiro, Marta Tojo traballou na identificación dun grupo de xenes, “unha pequena fracción do xenoma” xa que unha vez secuenciados “ debermos determinar a súa ubicación, a súa lonxitude e a súa complexidade estrutural".