O IV International Day 2015 converterá Compostela no escaparate das culturas do mundo
Estudantes da USC procedentes de África, Europa, América e Asia participarán a vindeira semana na IV Edición do International Day, unha xornada na que amosarán as particularidades dos seus respectivos países de orixe para facilitar a elección de destino a aquel alumnado interesado en programas de mobilidade. O pasado ano participaron nesta feira arredor de 120 expositores.
Organizada pola Asociación Erasmus Compostela xunto coa Vicerreitoría de Internacionalización da USC, a xornada desenvolverase na Facultade de Xeografía e Historia o vindeiro xoves 26 dende as 11.30 ás 19 horas. Quen se achegue por ese centro poderá coñecer de primeira man cómo é a vida universitaria noutros países, conversar cos estudantes para resolver dúbidas e asistir a distintas actividades culturais de canto, música e baile.