Skip to main content

Homenaxe en Física ao catedrático Carlos Pajares

O reitor Juan Viaño presidiu a sesión da tarde. Foto: Santi Alvite
O reitor Juan Viaño presidiu a sesión da tarde. Foto: Santi Alvite

Unha reunión científica e un acto académico renden homenaxe ao longo da xornada deste mércores 15 ao catedrático de Física Teórica e ex reitor da USC, Carlos Pajares Vales, coa gallo da súa xubilación. A xornada comezou pola mañá cunha reunión científica á que asistiron entre outros, o director do Departamento Científico do European Research Council, José María Fernández de Labastida; o presidente da Comisión Executiva do sincrotrón de luz ALBA, Ramón Pascual; os antigos xestores do Plan Nacional de Altas Enerxías José Bernabeu, Domenec Espriu, Juan Fuster e Francisco del Águila; o Premio Max Planck e Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, Pedro Etxenique; o presidente do LIP de Lisboa e delegado de Portugal no CERN, Gaspar Barreira; e o ex director da división de teoría nuclear do Brookhaven National Laboratory e do RIKEN-BNL Center, Larry McLerran, así como outros científicos de gran prestixio como Antonio Pich, Helmut Satz, Alfóns Capella, Mario Pimenta, Mikhail Braun ou Jorge Dias de Deus.

O acto académico desenvólvese a partir das 16.30 horas na aula magna da Facultade de Física presidido polo reitor Juan Viaño. Intervirán nel, ademais do propio profesor Pajares, o decano da Facultade de Física, Luis Miguel Varela Cabo, e os catedráticos Alfonso Vázquez Ramallo, Joaquín Sánchez Guillén e Luis Iglesias Feijoo.

Carlos Pajares
Considerado un pioneiro da Física de Partículas na USC, dirixiu as teses de doutoramento dunha abundante promoción de actuais catedráticos e profesores tanto da USC como doutras universidades españolas e estranxeiras. Realizou o doutoramento na Universidade Complutense de Madrid para despois de diversas estanzas posdoutorais, acceder ao posto de profesor adxunto na Universidade Autónoma de Barcelona (1974-1979) antes de incorporarse á USC como catedrático de Física Teórica. Ademais, mantivo unha intensa actividade investigadora, con máis de 250 publicacións e reviews en revistas indexadas, así como labores de edición de libros e organización de congresos e conferencias nacionais e internacionais. É tamén autor e tradutor de libros de divulgación e texto.

O seu labor foi recoñecido coa investidura como Doutor honoris causa pola Universidade Técnica de Lisboa (2011) e pola Universidade Estatal de San Petersburgo (2013). Foi Premio de Investigación Xunta de Galicia 2007, Premio Medalla de Ouro da Real Sociedad Española de Física (2000) e Premio de divulgación Xunta de Galicia (2004). Ademais foi galardoado polo goberno francés como Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas (1993) e vicepresidente da Real Sociedade Española de Física (1995-1999).

Participou activamente en xestión e política universitaria e científica, sendo reitor da Universidade de Santiago de Compostela durante dous períodos, 1984-1986 e 1986-1990, despois de ser o primeiro decano da Facultade de Física da USC. Tamén foi membro da comisión encargada de redactar en 1983 o plan mobilizador de Física de Altas Enerxías en España, que permitiu un gran avance da comunidade científica desta especialidade inmersa na comunidade internacional e delegado científico de España no Consello do CERN.

O acto académico celebrouse no Salón de Actos do centro. Foto: Santi Alvite O encontro científico contou cunha nutrida representación de colegas e amigos do homenaxeado. Foto: Servimav-USC Primeiro pola esquerda, Carlos Pajares foi obxecto dunha homenaxe que comezou pola mañá cunha reunión científica. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 10.14.2015.