Skip to main content

Entrega de premios do concurso ‘A táboa periódica e Galicia’

A Facultade de Química da USC acolle este venres 24 a exposición dos carteis seleccionados no concurso ‘A táboa periódica e Galicia’, organizado polo centro co gallo do Ano Internacional da Táboa Periódica. Farase ademais entrega dos premios aos tres mellores traballos.

En colaboración co Grupo Interdisciplinar de Innovación Docente en Química e o Grupo de Innovación Docente en Química Física, desenvolveuse o concurso ‘A Táboa Periódica e Galicia’ dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO, Ciclos Formativos e BAC do sistema educativo galego. A fase de envío de pósteres rematou en abril, cun total de 84 carteis recibidos.

O broche final deste exitoso concurso terá lugar este venres nun acto académico que comezará a primeira hora co rexistro dos 30 participantes seleccionados para a exposición –aberta ao público na planta baixa- dos mellores carteis. Xa ás 12:30 horas terá lugar o acto de entrega de premios na Aula Magna Antonio Casares no que intervirán os tres estudantes autores. As persoas responsables dos 27 restantes carteis recibirán como agasallo material de laboratorio para os seus centros educativos, obsequio das casas comerciais patrocinadoras do concurso.

The contents of this page were updated on 05.23.2019.