Skip to main content

Woman Emprende desenvolve dúas novas accións a prol do emprendemento en perspectiva feminina

O programa Woman Emprende da USC organizará a partir de finais de outubro dúas propostas formativas dirixidas especificamente ao emprendemento en perspectiva feminina: o Encontro Atalanta dedicado á creación de empresas de base tecnolóxica promovidas por mulleres e o curso en liña ‘Da idea á empresa. A miñas motivacións para emprender’.

Atalanta é unha proposta que organizan conxuntamente o día 21 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a USC e o Instituto da Mulleres e para a Igualdade de Oportunidades á que están convidadas as universidades españolas e especificamente os organismos que participan na creación de empresas de base tecnolóxica. Durante esta xornada presentarase a metodoloxía Innovatia 8.3, proxecto de traballo desenvolvido dentro de Woman Emprende que ofrece materiais e recomendacións para que o proceso emprendedor se desenvolve de xeito neutral en termos de xénero.

Neste encontro realizarase tamén unha análise das particularidades do emprendemento feminino universitario da man de representantes de institucións universitarias de Madrid, Cataluña, Andalucía ou País Vasco. Ademais está programada unha mesa de debate con algunhas das mulleres que lideran empresas spin-off promovidas dende diferentes universidades españolas para propiciar o intercambio de experiencias de éxito neste eido.

Da idea á empresa
Con matrícula gratuíta e unha carga lectiva de 30 horas, Woman Emprende tamén organizará entre o 22 de outubro e o 24 de novembro o curso de formación en liña ‘ Da idea á empresa. As miñas motivacións para emprender’. O obxectivo é achegar ás persoas interesadas as claves para analizar unha idea de negocio e coñecer a súa viabilidade futura, prestando especial atención á emprendedora. As destinatarias son mulleres pertencentes á comunidade universitaria de calquera universidades española.

O programa articúlase en catro módulos (Eu como emprendedora, A miña idea de emprendemento, Eu e a miña idea de negocio e A miña aproximación ao plan de empresa) ao que hai que engadir a realización dun exercicio de avaliación. As interesadas poden dirixirse ao correo uniemprende [at] usc.es (uniemprende[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 10.08.2015.