Skip to main content

Unhas xornadas internacionais de asesoramento rural da Rede Igsea reúnen uns 180 participantes no campus de Lugo

Participantes nas xornadas sobre asesoramento rural e formación de asesores na Escola Politécnica Superior
Participantes nas xornadas sobre asesoramento rural e formación de asesores na Escola Politécnica Superior
Un relatorio de Ana María Arbiza sobre extensión rural e desenvolvemento na UE abre na EPS un foro monográfico que rematará este martes

As I Xornadas Internacionais de Asesoramento Rural e formación de Asesores promovidas pola Rede de Investigación para a Xestión Sustentable da Empresa Agroalimentaria ( Igsea ) da USC en colaboración coa Dirección Xeral de Producción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar citan desde hoxe no campus Lugo uns 180 participantes, na súa maioría técnicos de administracións e tamén pertencentes a empresas privadas.

A Rede Igsea busca a través destas xornadas dar a coñecer a importancia da correcta organización dos servizos de asesoramento ás explotacións e Pemes agrarias, a fin de mellorar así a súa xestión sustentable e a rendibilidade, ademais de promover o desenvolvemento económico e social das áreas rurais.

A exposición e posterior debate sobre as diferentes opcións de organización e fórmulas de prestación de asesoramento existentes en Europa é outro dos obxectivos fixados polos promotores destas xornadas, que tamén queren subliñar a importancia da formación para mellorar a eficacia do servizo de asesoramento.

A proposta de iniciativas orientadas a mellorar e optimizar o emprego dos fondos públicos destinados a formación de asesores e á realización de asesoramento agrario figura tamén entre os propósitos destas xornadas de asesoramento agrario. Este foro, de carácter monográfico e que desenvolverá a súas sesións en inglés e castelán na Escola Politécnica Superior e na Facultade de ADE do campus de Lugo, está dirixido á participación de profesionais relacionados co asesoramento a explotacións agrarias: asesores e provedores de servizos de extensión rural privados e públicos, xerentes de cooperativas, persoal de las administracións rexionais e nacionais, docentes, investigadores e estudantes universitarios.

Acto inaugural e programa

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o coordinador destas xornadas, o tamén profesor da USC e director da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), Enrique Arbones, e o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta, abriron este luns as xornadas no salón de actos do centro devandito centro universitario lugués.

A subdirectora Xeral de Modernización das Explotacións do Ministerio de Agricultura, Ana María Arbiza, abriu, ao remate da sesión inaugural, a quenda de relatorios cunha exposición baixo o título ‘A extensión rural como ferramenta para o desenvolvemento rural na UE. Esixencias da UE para o recoñecemento dos servizos de asesoramento a explotacións. Importancia da formación de asesores agrarios’.

O director o Centro Nacional de Asesoramento e Desenvolvemento Rural de Suíza e asesor nos proxectos de desenvolvemento agrícola nos países balcánicos Lindau-Suíza, Erich Waldmeier, tamén presentou neste foro en Lugo a casuística do país helvético. Logo da súa intervención, Thomas Mirsch, da Academia Estatal de Liderado para a Alimentación, Agricultura e Silvicultura (FÜAK) de Baviera (Alemaña), disertou sobre a importancia da metodoloxía na extensión rural, facendo especial fincapé no caso de Baviera.

Xa en quenda de tarde, Jürgen Käßer, do Ministerio de Agricultura e Protección do Consumidor de Baden-Württemberg (Alemaña) abordou o sistema de certificación europeo CECRA, como modelo de acreditación da formación de asesores rurais. A primeira xornada de foro sobre asesoramento rural e formación de asesores rematou cos intervencións de Isabel Arza Río, da empresa Taxo SL, quen falou do asesoramento agrario por parte de entidades privadas en Galicia e das técnicas empregas, e de Jaume Sió Torres, do Goberno de Cataluña, quen presentou a realidade do asesoramento rural en Cataluña.

Os servizos e as entidades de asesoramento en Galicia e en Navarra, así como o cometido da Administración e a cualificación e formación de asesores serán as temáticas abordadas nas sesións programadas o martes na EPS no marco deste foro.Unha vez rematado o programa de intervencións, o epicentro das I Xornadas de Asesoramento Rural, trasladarase este martes á Facultade de Administración e Dirección de Empresas, onde, a partir das 12.00 horas, se desenvolverá un workshop sobre formación de asesores rurais.

Miguel Ángel Mena Garrido, do Ministerio de Agricultura, conducirá a través de vídeo conferencia, unha sesión formativa durante a que dará conta do contido e da metodoloxía desta formación. As reunións temáticas e sectoriais terán continuidade en quenda de tarde.

Apertura das xornadas

The contents of this page were updated on 10.19.2015.