Skip to main content

O doutorando Roi Méndez, premiado no VI Congreso Internacional de TV Interactiva

Traballa na mellora da sensorización para estudos virtuais de televisión

O alumno da USC Roi Méndez, que realiza a súa tese de doutoramento no Citius e na Facultade de Ciencias da Comunicación, foi elixido como mellor estudante de doutoramento no VI Congreso Internacional de TV Interactiva que tivo lugar estes días na Universidade das Illas Baleares.

Roi Méndez Méndez investiga no campo da sensorización avanzada para estudos virtuais de televisión. En concreto, na súa tese propón a substitución dos sistemas ríxidos e monolíticos que se empregan hoxe por un conxunto de sensores de baixo custe cuxo uso sinérxico permita igualar e mesmo superar as posibilidades dos sistemas comerciais actuais.

Un plató virtual de televisión é un estudo capaz de combinar persoas e obxectos reais con contornas e obxectos xerados por ordenador en tempo real, “e para que esta mistura dos dous mundos se produza de forma coherente é necesario tanto un render realista como o seguimento da posición e orientación de elementos reais como cámaras, obxectos e persoas, de maneira que as súas accións no mundo real teñan unha consecuencia no virtual”. Pero na actualidade os sistemas de tracking utilizados nos platós virtuais de televisión son custosos economicamente e moi pouco flexibles para realizar diferentes tarefas, ao que lle hai que sumar que o render dos obxectos virtuais, ao ser realizado en tempo real, adolece de falla de realismo (iluminación non realista, ausencia de sombras, etc.).

Ante a necesidade de darlle unha solución ao problema, e perante a proliferación de televisións locais e por internet que contan con pouco orzamento, Roi méndez propón a creación dunha arquitectura hardware e software escalable e distribuída que permita engadir e quitar sensores do sistema de forma rápida e eficaz, cun mínimo custe en tempo e esforzo. Especificamente o doutorando da USC traballa na mellora do software eStudio da empresa Brainstorm Multimedia, encargado do render. Ademais, pretende realizar un estudo lumínico que permita a mellora da iluminación do presentador así como a aplicación destas luces ao modelo 3D da contorna virtual.

The contents of this page were updated on 10.23.2015.