Representantes do sector e investigadores reflexionan en Dereito sobre os retos asociados á reforma da política pesqueira común
Os retos formulados pola reforma da política pesqueira común será o tema no que se centrarán as Xornadas sobre a gobernanza marítima europea que organiza a Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais. Na Facultade de Dereito os días 5 e 6 de novembro e cunha carga lectiva de 15 horas, a matrícula é gratuíta, aínda que é preciso formalizar a inscrición no correo elena.rodriguez.lorenzo [at] rai.usc.es (elena[dot]rodriguez[dot]lorenzo[at]rai[dot]usc[dot]es). As 60 prazas dispoñibles asignaranse por orde de inscrición.
Baixo a dirección de Jorge Pueyo Losa e Julio Jorge Urbina, agruparanse as distintas intervencións entre bloque temáticos nos que se reflexionará sobre o compromiso da Unión Europea coa protección da utilización sustentable dos mares e a protección dos ecosistemas mariños; a reforma da política pesqueira común; e a dimensión exterior desta política.
No mesmo programa, está prevista unha mesa redonda na que o investigador da USC Sebastián Villasante, xunto a representantes de CETMAR, da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo e de ANFACO-CECOPESCA achegan os seus puntos de vista sobre o impacto socio-económico da reforma, a situación da pesca artesanal no novo contexto, as repercusións para a flota galega ou o impacto para o sector da transformación de produtos do mar. O secretario xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Andrés Hermida Trastoy, pronunciará a conferencia de clausura tratando a posición de España antes os cambios propostos neste sector a nivel europeo.