A USC abre a inscrición nas actividades formativas programadas polo Espazo de Fotografía do campus de Lugo para este curso
A USC vén de abrir o prazo de inscrición nas distintas actividades formativas programadas para este curso polo Espazo de Fotografía do campus de Lugo, unha oferta na que, como en anos anteriores, se mantén un obradoiro básico de fotografía, un curso de iniciación á fotografía dixital e outro de nivel máis avanzado, e á que se incorpora o seminario ‘Outras miradas’, unha proposta estruturada en 26 horas lectivas e a través da que se busca un achegamento alternativo á arte percorrendo todas as disciplinas a partir dunha base fotográfica e cinematográfica.
O proceso de inscrición nas accións incluídas no programa formativo do Espazo de Fotografía do campus de Lugo está aberto, para as que a USC ofrece un total de 56 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación. O Coordinador do Espazo de Fotografía do campus de Lugo, Eduardo Ochoa, será o encargado de impartir o obradoiro básico de fotografía, un curso para o que se ofrecen 12 prazas e que se prolongará durante 26 horas lectivas. As clases desenvolveranse os mércores e xoves desde o 21 de outubro ata o 2 de novembro. O curso de fotografía dixital nivel I, para o que se ofertan 12 prazas e que será impartido por Fernando Gago, comezará a impartirse o 14 de decembro de 2015 e rematará o 2 de febreiro de 2016. Asemade, as sesións formativas do curso de fotografía dixital nivel II, que tamén se celebrarán na aula de informática da Facultade de Formación do Profesorado, desenvolveranse entre o 1 de marzo e o 10 de maio de 2016. O seminario ‘Outras miradas’, unha acción formativa impartida por Carmen P Granxeiro , está estruturado en 26 horas lectivas, que se impartirán en quenda de tarde, de 19.00 a 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber. As clases deste curso, para o que se ofrecen 20 prazas, comezarán o 19 de outubro e finalizarán o 7 de decembro. As persoas interesadas poden obter máis información respecto da programación e dos contidos de cada un destes cursos, así como as taxas de matrícula na web da USC, ou tamén a través do número de teléfono 982 821 513.