Dúas investigacións da USC melloran as análises e os controis dos ingredientes de cosméticos e produtos de coidado persoal
Dúas investigacións desenvolvidas no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (Lidsa) da USC por Gerardo Álvarez Rivera e María Celeiro Montero e que deron lugar a cadansúa tese de doutoramento que veñen de presentarse na Facultade de Química, afondan na mellora dos procedementos de análise e control dos ingredientes de cosméticos e produtos de coidado persoal, a liña de traballo que capitaliza a actividade investigadora do Lidsa, cuxa prioridade é garantir a seguridade dos usuarios e consumidores, facendo especial fincapé no control de produtos para nenos e bebés.
A tese de doutoramento ‘Desenvolvemento e aplicación de novas ferramentas (bio)analíticas para o control da seguridade dos produtos cosméticos e de coidado personal’, elaborada polo compostelán Gerardo Álvarez Rivera baixo a dirección das profesoras do Departamento de Química de Analítica Nutrición e Bromatoloxía da USC Marta Lores Aguín e María Llompart Vizoso, achega luz respecto da determinación de conservantes e fragancias alerxénicas en produtos cosméticos e sobre a detección de contaminación microbiana, ademais dun estudo do comportamento fotoquímico de conservantes cosméticos. Daquela, ante a crecente preocupación social respecto dos efectos secundarios na saúde humana que poden producir certos ingredientes que levan os produtos de coidado persoal a investigación realizada por Gerardo Álvarez propón novas metodoloxías de análise e control máis eficientes, sensibles e selectivas, baseadas en técnicas avanzadas de extracción, que requiren baixo consumo de disolventes e minimizan a xeración de residuos. A combinación destas técnicas con métodos de cromatografía líquida de alta resolución (HPLC) ou cromatografía de gases (GC), unidos a detectores selectivos de espectrometría de masas (MS) ou espectrometría de masas en tándem (MS/MS), permite a determinación dun bo número de compoñentes de diversa natureza química nunha grande variedade de mostras cosméticas. Unha liña de investigación relacionada coa de Gerardo Álvarez é a que desenvolve a tamén licenciada en Química pola USC María Celeiro Montero na tese de doutoramento ‘Novos procedementos de preparación de mostra e análise cromatográfico para a determinación de produtos de coidado persoal e contaminantes de interese prioritario’, dirixida polas profesoras Carmen García Jares e María Llompart Vizoso, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC. O obxectivo principal da tese de doutoramento realizada pola luguesa María Celeiro Montes é o desenvolvemento dunha nova metodoloxía para a análise de gran variedade de compostos químicos de natureza diversa en distintos tipos de mostras. Os métodos propostos por esta licenciada en Química baséanse en técnicas de extracción moi sinxelas e rápidas que tratan de cumprir na medida do posible cos principios de ‘química verde’, para o que empregan cantidades mínimas de disolventes orgánicos e teñen unha xeración de residuos case nula. A investigación de Celeiro Montes está dividida en tres capítulos, en función dos compostos estudados: Substancias potencialmente tóxicas en produtos cosméticos e de coidado persoal, funxicidas en viño e subprodutos de vinificación e hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs) en superficies de caucho reciclado. Os traballos multidisciplinares presentados por Celeiro Montes na súa tese de doutoramento supoñen unha gran contribución ao desenvolvemento e validación de nova metodoloxía analítica baseada en técnicas de micro extracción e análises cromatográficas en produtos de coidado persoal, así como de contaminantes de interese prioritario noutras matrices. Cualificación e composición dos tribunais As teses de doutoramento que veñen de presentar Gerardo Rivera e María Celeiro na Facultade de Química da USC mereceron a máxima cualificación de sobresaínte cum laude por parte dos tribunais internacionais ante dos que as defenderon e entre cuxos integrantes había membros de recoñecido prestixio no ámbito da Química Analítica. Os dous novos doutores obtiveron tamén o doutoramento internacional. Josep Bayona Termens, do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Agua (CSIC – Barcelona), presidiu o tribunal avaliador da tese presentada por Gerardo Rivera, do que formaron parte como vocais, Janusz Boleslaw Pawliszyn, da Universidade de Waterloo; Mª Fátima Alpendurada, do Institutoda Água da Região Norte de Portugal, e Nieves Carro Mariño, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia. O profesor da USC Manuel Aboal Somoza actuou como secretario. O canadense Janusz Boleslaw Pawliszyn, da Universidae de Waterloo, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por María Celeiro Montes, un comité do que tamén formaron parte Purificación López, da Universidade da Coruña; Nieves Carro, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia; Alberto Chisvert, da Unidade de Valencia, así como profesor da USC Manuel Aboal Somoza, quen actuou en calidade de secretario. Gerardo Rivera, diante do tribunal cualificador da súa tese de doutoramento