Skip to main content

Clausurouse a XXVIII edición dos Cursos de lingua e cultura galegas

Nos cursos participaron 65 persoas de 16 países de tres continentes  (Foto: RAG)
Nos cursos participaron 65 persoas de 16 países de tres continentes (Foto: RAG)

A XXVIII edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas que organizan conxuntamente o Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega (RAG) co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística clausuráronse hoxe na Facultade de Filosofía. No acto interviñeron o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane, para quen “é unha honra que este alumnado pasase a ser un pouco un dos copropietarios deste ben común que é a nosa lingua e a nosa cultura”, e o director do programa, o profesor da USC Henrique Monteagudo, que explicou que os cursos son “un encontro multicultural no que Galicia aparece como o Santiago do século XII, un punto de encontro chamado ao convivio". Pola súa banda, a secretaria académica, Ana Boullón, asegurou que a lingua é “unha das mellores maneiras para coñecer un país”, unha idea que recuperou no acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que asegurou que a participación nestes cursos converte o alumnado "xa de forma permanente en embaixador da nosa lingua e da nosa cultura". Na clausura tamén participou o presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure, que lembrou que o galego foi unha lingua estigmatizada “e no caso da emigración, dobremente estigmatizada" e por iso reivindicou a importancia dos intelectuais galeguistas que dende Bos Aires "non quixeron perdelo como lingua". Felicitouse ademais por que dende departamentos como os da USC se traballe para "apuntalar o galego como lingua de cultura". O acto pechouno o presidente da RAG, Xesús Alonso Momnetro, agradecendo o traballo "exemplar" do profesorado. Dezaseis países Participaron nestes cursos ao longo do mes de xullo sesenta e cinco persoas procedentes de 16 países de Europa, América e Asia. O programa contemplaba, ademais de clases teóricas e prácticas de lingua e literatura, visitas a lugares de interese cultural e natural como a Costa da Morte e a Ribeira Sacra, a propia sede da Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Rosalía de Castro ou o Consello da Cultura Galega. Distintos membros da RAG como Margarita Ledo, Fina Casalderrey, Víctor Freixanes ou Francisco Fernández Rei participaron na programación con palestras ou actuando como guías dalgunhas visitas. O alumnado puido tamén escoitar o músico Roi Casal; a profesora da Universidade de Maine Kathleen March, tradutora ao inglés de Rosalía de Castro ou Otero Pedrayo; ou o catedrático da Universidade de Zürich Johannes Kabatek, que foi alumno dos cursos na súa primeira edición. De esquerda a dereita, Ana Boullón, Ernesto González, José Luis Moure, Xesús Alonso Montero, Valentín García e Henrique Monteagudo (Foto: RAG)

The contents of this page were updated on 07.24.2015.