Skip to main content

O encontro ‘Rural imaxinado’ propón repensar o futuro do espazo rural

O encontro ‘Rural imaxinado’ propón repensar o futuro do espazo rural
O encontro ‘Rural imaxinado’ propón repensar o futuro do espazo rural
Organízaa a rede ReVOLTA de investigación en Agroecoloxía e Historia composta por varios grupos de investigación galegos

O medio rural é o protagonista do encontro ‘Rural imaxinado. Do presente ao futuro porvir’ que tentará tecer un espazo de discusión crítica que permita pensar alternativas que se están dando ou poden producirse n o espazo rural para que este siga sendo un lugar cheo de vida. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto presentaron o programa do encontro nunha rolda de prensa este luns 28 na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia.

Este encontro está impulsado pola rede Revolta (Do Rural que foi ao Rural que vén: reVoltando a Terra. Pasado e futuro dunha Agricultura Sustentable) no que conflúen sete grupos de investigación que, en Galicia e dende ámbitos disciplinares diversos (economía ecolóxica, historia ambiental, enxeñaría rural e ordenación do territorio, ou economía agraria) estudan problemáticas actuais do medio rural e formulan propostas de futuro para o seu manexo sustentable. O encontro celebrarase con carácter gratuíto en Lalín o próximo 13 de novembro. Actualmente está aberto o prazo para a presentación de relatorios.

Que estamos facendo dende o medio rural para responder aos retos do século XXI e cómo pode imaxinarse o futuro que está por vir?. Os organizadores do encontro agardan que as respostas as estas dúas interrogantes permitan artellar o discurso sobre o que se vertebrarán estas xornadas. A iniciativa está aberta a “facedores de experiencias produtivas innovadoras, investigadores/as, activistas ou pensadores e interesaros/as en xeral”.

As distintas mesas temáticas ás que se asociarán as presentacións están agrupadas en catro eixes: comunidade, outras economías, subxectividade e resiliencia / innovación. Para o envío de propostas de presentación, deberán dirixirse a rede.revolta [at] usc.es (rede[dot]revolta[at]usc[dot]es) antes do 15 de outubro. Como se explicou na presentación celebrada na Facultade de Xeografía e Historia “valorarase moi positivamente o envío de propostas innovadoras”, ademais de que se aceptan diversos formatos de presentación, orais, vídeos, dinámicas, ...

Rede Revolta
A Rede Revolta ten como obxectivos aplicar colectivamente os coñecementos e experiencias que cada un dos grupos da rede teñen xerado e adquirido na súa traxectoria previa, “para que o deseño e manexo dos agroecosistemas actuais se faga seguindo principios, prácticas e racionalidades ecolóxicas”. Ademais, aspira a construír propostas de recuperación dos manexos sustentables do espazo rural para deter o seu deterioro demográfico, produtivo, social e cultural e potenciar a súa demostrada capacidade de resiliencia, así como contribuír á conversión de agroecosistemas convencionais e/ ou abandonados noutros sustentables.

Conforman esta rede os grupos da USC Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX), Laboratorio do Territorio; Construción Sustentable para o Medio Rural e Natural; Ecosoagroc: Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social; Gespic: de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio; e XROFE: grupo de Xestión de Residuos Orgánicos, Festilización e Ecoloxía Agraria. Ademais tamén o conforman o grupo GIEEA, de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecolóxica da Universidade de Vigo.

The contents of this page were updated on 09.28.2015.