Skip to main content

A USC e o Concello de Santiago manterán unha “interlocución estable e operativa”

Martiño Noriega e Juan Viaño logo da xuntanza deste mércores. Foto: Concello de Santiago
Martiño Noriega e Juan Viaño logo da xuntanza deste mércores. Foto: Concello de Santiago
Nunha primeira xuntanza entre o reitor e o alcalde, sinálase a Universidade como un “sector estratéxico da cidade”

O reitor Juan Viaño mantivo este mércores unha xuntanza co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que abre unha etapa nova cunha “vocación clara de establecer unha interlocución estable e operativa” entre ambas institucións, na que o concello sinala a universidade compostelá como “un sector estratéxico da cidade” cuxo valor engadido debe repercutir en Santiago, sinalou o rexedor. Nun encontro cos medios de comunicación posterior á xuntanza, o concello manifestou a súa “absoluta vontade de acompañar a USC nas súas xustas reivindicacións”, en alusión á negociación do plan de financiamento, asunto no que Martiño Noriega avogou porque os recursos económicos “permitan unha viabilidade digna da USC acorde co seu peso e traxectoria”. Na reunión abordáronse tamén cuestións relativas ao futuro Campus da Saúde que aglutinará as facultades de Medicina, Odontoloxía e Enfermería. Neste senso, o alcalde expresou a "vontade facilitadora" do Concello a un proxecto "ambicioso e complexo", que supón "unha aposta pola especialización e por un eixe de forza da USC". Neste sentido, apuntou a necesidade de "reactivar" a mesa a tres bandas entre Concello, Sergas e USC para avanzar na concreción destes equipamentos. Outro dos temas enumerados por Juan Viaño foi o convenio que mantén a USC co Concello en relación ao mantemento de Campus Vida, respecto do que se vai estudar o contido do acordo, coa intención de avanzar no seu cumprimento, concretamente en materias como o mantemento da rede viaria ou exencións fiscais. Outras das propostas enumeradas polo reitor fixeron alusión a iniciativas conxuntas en materias como a divulgación científica, a colaboración na recepción de estudantes estranxeiros ou o proxecto universitario do Campus da Cidadanía.

The contents of this page were updated on 07.01.2015.