Skip to main content

A USC e Aresa recompensarán proxectos que enriquezan o campo

Álvaro Rodríguez e o reitor Juan Viaño saúdanse en presenza de Javier Bueno (Foto:SERVIMAV-USC)
Álvaro Rodríguez e o reitor Juan Viaño saúdanse en presenza de Javier Bueno (Foto:SERVIMAV-USC)
Ambas institucións selaron un convenio para activar o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural inicia a súa décimo sexta edición logo da sinatura protocolaria este mércores do convenio de colaboración entre a USC e o Grupo Aresa, promotores desta iniciativa que recoñece aquelas iniciativas que contribúen á mellor do medio rural, promovidas por entidades, empresas, grupos de investigación ou persoas que compartan o interese polo progreso e a innovación do sector primario e o traballo neste ámbito. Asinaron o convenio o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, nun acto no Colexio de San Xerome ao que tamén asistiu o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema. As bases presentaranse oficialmente en Lugo no mes de setembro, momento no que se abrirá o prazo de recepción das candidaturas. A USC e Aresa veñen apoiando este galardón dende o ano 2000, data da primeira convocatoria do Premio. No palmarés do Premio, un dos mellor dotados do seu ámbito, figuran o profesor Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos ou a Facultade de Veterinaria, dentro do eido universitario; personalidades coma Xosé Manuel Rodríguez Silva, ex-director xeral de Agricultura da Comisión Europea; firmas coma Ingapan, Casa Macán, Champivil ou Alibós; consellos reguladores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas como a IXP Ternera Gallega e as DO Ribeira Sacra e Queixo San Simón da Costa; e modelos de asociacionismo, como a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega ou a SAT Montes de Trabada, entre outros. Moitos dos distinguidos teñen en común a xeración de riqueza e emprego na agricultura e na gandería, unha prioridade nos tempos que corren, tal como sinalou o presidente de Aresa, “a idea da que parte este premio está máis de actualidade que nunca, xa que 2015 foi declarado Ano Internacional dos Solos para chamar a atención sobre a súa saúde, o seu manexo e a súa fertilización eficiente, en aras dunha maior produtividade”. Neste sentido, Eiras apuntou a necesidade de ofrecer solucións tecnolóxicas e industriais para optimizar o rendemento do agro e, en consecuencia, favorecer o benestar da poboación do rural, aspecto que constitúe un piar para o Grupo e que se valorará especialmente nas propostas. En opinión de Juan Viaño, este premio constitúe “un bo exemplo de colaboración entre empresa e universidade, compromiso que xa acada os dezaseis anos de convocatorias consecutivas”. A súa traxectoria “superou as expectativas dos seus promotores en canto ao seu asentamento e recoñecemento pola sociedade galega, alcanzando grande importancia tanto polos currículos dos premiados como pola súa dotación” económica”.

O Premio Aresa está dotado con 10.000 euros e xa goza de tradición e peso en Galicia, vantaxes ás que se suma a existencia dun xurado profesional no que teñen tomado parte reitores de distintas universidades cunha orientación agraria, como, por exemplo, as de Barcelona, Córdoba, Salamanca ou Trás-os-Montes e Alto Douro, o que lles outorga prestixio e unha gran difusión aos proxectos gañadores.

The contents of this page were updated on 07.08.2015.