Skip to main content

Deseñan unha nova molécula que permitirá desenvolver un tratamento máis efectivo e menos daniño para o cancro de mama

De esquerda a dereita, Samuel Seoane, Román Pérez, Antonio Mouriño, Esteban Castelao, Efigenia Arias e Miguel Maestro
De esquerda a dereita, Samuel Seoane, Román Pérez, Antonio Mouriño, Esteban Castelao, Efigenia Arias e Miguel Maestro
Os investigadores están xa en contacto con empresas farmacéuticas interesadas no seu desenvolvemento como fármaco

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago, en colaboración con científicos das Universidades da Coruña e Vigo, o Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo, o Sergas e o Hospital de Jove en Xixón descubriron un novo tratamento contra o cancro de mama baseado na combinación de novos análogos de vitamina D con quimioterapia. Este grupo formado por químicos, biólogos e médicos está moi esperanzado en poder desenvolver como fármaco o produto xa que podería ser de especial interese no tratamento de desordes hiperproliferativos como o cancro ou a psoriase. Os resultados do traballo ‘Pit-1 inhibits BRCA1 and sensitizes human breast tumors to cisplatin and vitamin D treatment’ acaban de ser publicados na revista estadounidense especializada en cancro Oncotarget. Nel, os investigadores describen que a combinación de novos análogos de vitamina D coa quimioterapia utilizada de forma habitual no tratamento do cancro de mama máis agresivo é máis efectiva que a administración de quimioterapia de forma illada. O traballo está asinado por Samuel Seoane, Efigenia Arias, Rita Sigueiro, Juan Sendón-Lago, Anxo Martínez-Ordóñez, Esteban Castelao, Noemí Eiró, Tomás García-Caballero, Manuel Macía, Rafael López-López, Miguel Maestro, Francisco Vizoso, Antonio Mouriño e Román Pérez-Fernández. Os autores demostran que a administración combinada de análogos de vitamina D e cisplatino actúa sinerxicamente, inhibindo a proliferación celular, estimulando a apoptose (morte celular programada), aumentando o dano no ADN e reducindo o crecemento tumoral, tanto en liñas celulares de cancro de mama en ratos como en células illadas de tumores de pacientes con esa enfermidade. Aínda que esta combinación foi xa utilizada previamente, neste caso faise cunha molécula deseñada polo grupo de Química Orgánica da USC dirixido polo profesor Antonio Mouriño, experto en síntese de análogos de vitamina D. Esta molécula posúe unha serie de modificacións na súa estrutura que fan que manteña as propiedades da vitamina D sintetizada no organismo pero evita efectos secundarios como o incremento de calcio en sangue, que a doses elevadas pode resultar tóxico. As súas propiedades fan que o novo composto sexa ademais potencialmente adecuado para outras patoloxías, como por exemplo a psoriase. Este novo análogo de vitamina D está protexido a través dunha patente propiedade das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e do SERGAS. Tanto Samuel Seoane, Efigenia Arias, Antonio Mouriño e Roman Perez-Fernandez (USC), como Miguel Maestro (UDC) e Esteban Castelao (Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo), todos autores, están xa en contacto con empresas farmacéuticas interesadas no seu desenvolvemento como fármaco para o seu futuro uso en pacientes.

The contents of this page were updated on 07.07.2015.