A Rede de Especies Invasoras reúnese a vindeira semana en Bioloxía
A situación actual das especies invasoras, tanto vexetais como animais, é o tema central dunha xuntanza que os próximos días 16 e 17 reunirá na Facultade de Bioloxía da USC a expertos de diversos países. Esta é unha acción formativa que organiza a Rede Alien Species Network (ASN), financiada pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e integrada por investigadores das tres universidades galegas e da de Coimbra. O obxectivo é revisar e debater sobre diversos aspectos das invasións biolóxicas a través de nove relatores convidados procedentes de diversas institucionais nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. O programa propón un amplo espectro de contidos no ámbito das especies exóticas invasoras vexetais e animais tanto de ecosistemas terrestres como acuáticos, abarcando temas tan diversos como o efecto do cambio climático sobre as especies alóctonas, estratexias de manexo, control e restauración e as súas implicacións para a conservación e a concienciación social respecto das especies invasoras. Á reunión da rede acoden especialistas procedentes do Reino Unido, Sudáfrica, Italia, ou Portugal, entre outros.