Skip to main content

Unha investigación da Facultade de Ciencias avanza no estudo das causas de aparición de lesións en pacientes de Alzheimer

Sonia Freire, entre os directores da súa tese, os profesores Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo, na Facultade de Ciencias
Sonia Freire, entre os directores da súa tese, os profesores Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo, na Facultade de Ciencias
A tese de doutoramento elaborada por Sonia Freire Rodríguez baixo a dirección de Mercedes Novo e Wajih Al-Soufi obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude

A investigación desenvolvida pola guitiricense Sonia Freire Rodríguez na súa tese de doutoramento, desenvolvida baixo o título ‘Estudo da asociación de sistemas supramoleculares mediante técnicas de fluorescencia: de ciclodextrinas a beta-amiloides’ e dirixida polos profesores do Departamento de Química Física da USC na Facultade de Ciencias do campus de Lugo Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi, permite avanzar no estudo das causas da aparición de lesións existentes en pacientes de Alzheimer.

Freire Rodríguez aborda na súa tese de doutoramento o estudo de varios sistemas supramoleculares con importantes aplicacións de interese biolóxico e tecnolóxico. Aínda así, o tema central da súa investigación atinxe ao proceso de agregación do β‑amiloide(1-42), que se considera o principal responsable da aparición das lesións existentes en pacientes coa enfermidade de Alzheimer, lesións debidas tanto á súa asociación en forma de fibras insolubles como á presenza de pequenos agregados. A tese recolle os resultados obtidos para a caracterización dos agregados fibrilares do β‑a miloide(1‑42) empregando novas sondas fluorescentes de gran sensibilidade. Ademais, esta investigadora analizou o comportamento destas novas sondas en comparación co fluoróforo Tioflavina T, que é o máis utilizado na marcaxe de fibras, a pesar de que presenta importantes inconvenientes. A investigación desenvolvida por Sonia Freire mostra asemade as vantaxes desas novas sondas pola súa capacidade para identificar distintos agregados amiloides e a posibilidade de establecer mediante o seu uso un método ratiométrico que permita monitorizar o proceso de agregación do péptido. Outra das achegas recollidas nesta tese de doutoramento é a que atinxe ao estudo do mecanismo do proceso de agregación do β‑amiloide(1‑42) durante a formación de agregados iniciais solubles do péptido, que se consideran os maiores responsables da toxicidade, obténdose importantes resultados que nos achegan a unha mellor comprensión do proceso. Tribunal da tese

O tribunal da tese estivo presidido polo experto en beta-amiloides e director de I+D da empresa biotecnolóxica Araclon Biotech Pedro Pesini Ruiz, quen tamén fora profesor da USC. Tamén formaron parte do tribunal os catedráticos de universidade Fernando López Arbeloa, da Universidade do Pais Vasco; Emilia Iglesias Martínez, da Universidade da Coruña, e Manuel Mosquera González, da USC, así como o Investigador Científico do CSIC Germán Rivas Caballero.

The contents of this page were updated on 07.09.2015.