Skip to main content

O reitor chama á busca de mecanismos de crecemento na contorna universitaria

Foto. Santi Alvite
Foto. Santi Alvite
No acto de inauguración do curso na USC

En 2014 a USC reduciu o seu déficit en case dous millóns de euros e as previsións parecen indicar que “o ano 2015 vai supoñer tamén unha redución clara”, manifestou o reitor Juan Viaño durante o acto de apertura do curso 2015-2016 celebrada este venres no Colexio de Fonseca. Nas súas verbas, o reitor apelou á responsabilidade e á prudencia, “o ano 2016 será un ano de esixencia, no que os incrementos anunciados no novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego non serán suficientes para que a nosa universidade deixe atrás estes anos tan difíciles”. Non obstante, Viaño subliñou que a decisión da Xunta de Galicia de aumentar a dotación orzamentaria dedicada ao ensino superior é “un paso fundamental para poder chegar algún día ao investimento público adecuado no sistema universitario”. Na súa opinión, “o resultado final apunta a crear un modelo con mellor financiamento e que pouco a pouco converterá o noso traballo diario na ferramenta máis importante para obter a maior parte dos nosos recursos económicos”. Sen deixar de prestar atención á cuestión económica, dado que “este curso que agora comeza é o ecuador do furacán no que estamos”, Viaño animou a que a USC atenda agora a creación de mecanismos de crecemento que complementen o esforzo no plano financeiro. “As liñas xerais de traballo aprobadas a xeito de Programación Plurianual da USC para o período 2015-2018 xa apuntaban unha serie de accións que nos permitirán modernizarnos, crear mecanismos estables e claros de crecemento e concibir unha nova universidade capaz de asumir os retos do século XXI tanto na docencia como na investigación”. Como eixos inspiradores sinalou o reforzo da especialización e da interdisciplinaridade, que xa se ten manifestado coa oferta de títulos dobres, e a creación dun ecosistema que permita unha relación “moito máis intensa” entre áreas de coñecemento afíns. A este ecosistema “chamámoslle Campus da Cidadanía”, que “aspirará a ser o terceiro dos campus especializados de excelencia da USC”. Nesta mesma liña situou Campus Terra, “a aposta máis importante desta universidade neste curso”, cun orzamento de case un millón e medio de euros para os anos 2015 e 2016 xa aprobado pola Xunta de Galicia. O obxectivo será converter Lugo no “campus universitario especializado en temas agrarios, gandeiros e forestais máis importante do sur de Europa”. Nesa mesma dirección de definir mecanismos de crecemento, Juan Viaño indicou que neste curso “ iniciaremos unha fonda transformación das nosas estruturas para poder solucionar”, por unha banda, “ o exceso e burocracia na institución” e, por outra, “a adaptación dos nosos recursos ás novas necesidades que temos que asumir”. Respecto do primeiro, o reto será “cumprir o mandato dos estatutos para crear estruturas departamentais cun mínimo de profesores e que teñan unha filosofía máis interdiscplinar da que teñen agora”. Dixo ademais que será preciso abordar a necesidade e vixencia dalgunhas estruturas de investigación e os seus órganos de goberno. Sobre a misión formativa da Universidade, o discurso do reitor lembrou que a formación universitaria é un dos puntos de inflexión máis importantes na vida dunha persoa e de todos os que a rodean. “Nas nosas mans está a responsabilidade de converter un mozo ou unha moza nun profesional capaz de solucionar os retos técnicos que se lle poñan diante, pero tamén de analizar e comprender as solucións que se lle deben dar aos problemas dende todas as perspectivas posibles”. En opinión de Viaño, correspóndelle á Universidade “buscar o xeito de que os nosos estudantes sexan capaces de iniciar un intenso periplo vital profesional e tamén persoal, do mellor xeito posible e para iso temos que proporcionarlle a formación específica necesaria, aprenderlle a utilizar todo o potencial creativo que temos dentro e, por suposto, reforzarlle os parámetros éticos que debemos ter dentro dunha sociedade coma a nosa”. Memoria do curso ‘A universidade é cultura’ foi o fío condutor da memoria presentada pola secretaria xeral, Consuelo Ferreiro Regueiro, en referencia ao pasado curso 2014-2015. “Superada a idea da universidade como depositaria do saber formulado en termos absolutos e debendo rexeitar a que a identifica de xeito exclusivo coa produción dos oficios que o mercado de traballo demanda, a universidade está para captar problemas dentro do concreto método científico, atoparlles unha solución e transmitila”. Sobre esta filosofía a secretaría xeral presentou unha memoria que é o recordatorio de que os feitos descritos son “o resultado do traballo deste equipo de goberno e de toda a Comunidade Universitaria que co seu esforzo permite a supervivencia da institución”. O relatorio de Consuelo Ferreiro agrupou os distintos acontecementos aludidos nos epígrafes ‘ Universidade instituínte’, en referencia aos feitos que evidencia a unha institución en movemento continuo e creador, “lonxe do estático e do instituído”; a ‘Universidade que responde’, en alusión ao esforzo feito en materia de transferencia tecnolóxica e investigación e produción científica; e ‘ Universidade academia’, centrada especificamente na actividade docente. O relatorio incluíu tamén un apartado dedicado aos “valores e instrumentos que arman o funcionamento da universidade”, en alusión á actividade da Oficina de Igualdade de Xénero, do Servizo de Participación e Integración Universitaria, da Oficina de Desenvolvemento Sostible ou do Servizo de Normalización Lingüística, entre outros. Lección maxistral A lección maxistral que tradicionalmente se pronuncia na sesión de inauguración do curso correspondeulle nesta ocasión ao catedrático de Botánica Forestal, Antonio Rigueiro Rodríguez, que co título ‘Árbores senlleiras de Galicia’ chamou a atención sobre “a importancia deste patrimonio natural que chegou aos nosos días e a necesidade da súa conservación”. O docente lembrou que dende o ano 2007 Galicia conta co Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras onde se enumeran ata 106 árbores e 21 formacións desta natureza e que define “un catálogo inicial, provisorio e aberto”. O conferenciante destacou tamén que o catálogo é unha proposta aberta da que “caerán algúns exemplares e entrarán outros” ao tempo que reafirmou a súa convicción, “en base aos estudos que temos feito ao respecto”, de que “Galicia conta con centros de exemplares que serán merecentes de entrar no catálogo nas calendas futuras”. Antonio Rigueiro chamou a atención sobre estes “monumentos vexetais” e dixo sentir mágoa por ter que asistir á desaparición dalgúns exemplares únicos na nosa xeografía, “nalgúns casos monumentos que non chegaron a ver o nacemento do catálogo”. Matizou que en moitos casos se trataba de árbores “moi vellas, febles e doentes, nos tramos finais da súa lonxevidade ás veces, polo que requiren coidados especiais para garantir a súa persistencia o maior tempo posible”. Insignias Fonseca Logo do discurso inaugural entregáronse as Insignias Fonseca, distinción que a Universidade compostelá impón ao persoal de administración e servizos (PAS) e docente e investigador (PDI) con máis de 30 anos de servizo á institución en dedicación exclusiva ou por tempo equivalente. Este ano, a insignia correspondeulle a 26 integrantes do PAS e a 36 PDI. Entre o profesorado que este ano recibe a distinción atópanse o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o presidente da Real Academia Española e ex reitor Darío Villanueva; e o ex reitor da USC Juan José Casares Long. Xunto a eles, Elena Bermejo, Alfredo Bermúdez de Castro, Ramón Bravo, Mercedes Brea, Antonio Canedo, Felipe Casanueva, José Castillejo, José Manuel Díaz de Bustamante, María Dolores Domínguez, Enrique Fernández Castiñeiras, Purificación Fernández, José Manuel García Iglesias, José Arturo García Vázquez, Manuel Joaquín Garrido, José Luis Gómez Pardo, María Isabel González Fernández, Tomás González, Julio Hernández Borge, Manuel López Rivadulla, María Ángeles Lorenzo Lago, José Manuel Lorenzo Salgado, Ramón Méndez Pampín, Emilio Montero, José Manuel Oro Cabanas, José Carlos Otero González, Ermitas Penas, María del Carmen Peteiro, Emilia Rebolledo, Juan Reinoso, María Jesús Salinas, María Isabel Sández, Ángel Sicart e Carlos Villanueva. En nome de todos eles tomou a palabra o profesor Bermúdez de Castro. Os integrantes do PAS galardoados coa insignia foron José Antelo, Manuel Germán Barcala, María Isabel Braña, María Luisa Bruñuelas, Ramón Cancela, Cándido Canedo, Juan Manuel Cardeso, María del Carmen Codesido, Antonio Espada, María del Carmen Fernández Broz, Marieli Fernández Zanca, Juan Guitián, Rafael Manuel de la Iglesia, María Teresa Iglesias Vilas, María Pastora Juanatey, Ana María Mundiña, José Pena, María Asunción Pérez, José Constante Quintela, Josefa Recalde, Elena Rodríguez López, José Ramón Sarabia, María Carmen da Torre, José Ramón Vázquez Veiga, María Honorinda Velasco e María del Carmen Villaverde. En representación deste colectivo interveu Marieli Fernández. Foto. Santi Alvite Foto. Santi Alvite Foto. Santi Alvite

The contents of this page were updated on 09.11.2015.