Skip to main content

O acto académico de inauguración do curso 2015-2016 na USC celebrarase este venres no Colexio de Fonseca

O reitor Juan Viaño presidirá este venres 11 o acto académico de inauguración do curso 2015-2016 na Universidade de Santiago, nunha sesión protocolaria que comezará ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e na que a secretaria xeral, Consuelo Ferreiro Regueiro, dará lectura do curso académico 2014-2015. O acto poderá seguirse a través da web en streaming no enderezo http://tv.usc.es/directo.html. A lección maxistral que tradicionalmente se pronuncia na sesión de inauguración do curso correspondeulle nesta ocasión ao catedrático de Botánica Forestal, Antonio Rigueiro Rodríguez, que co título ‘Árbores senlleiras de Galicia’ tentará “chamar a atención sobre a importancia deste patrimonio natural que chegou aos nosos días e a necesidade da súa conservación”. Con anterioridade ao discurso do reitor, entregaranse as Insignias Fonseca distinción que a Universidade compostelá impón ao persoal de administración ou servizos e docente e investigador con máis de 30 anos de servizo á institución universitaria en dedicación exclusiva ou por tempo equivalente. Este ano, a insignia corresponderalle a 26 integrantes do PAS, en nome de quen intervirá Marieli Fernández Zanca, e a 36 PDI, a quen representará o profesor Alfredo Bermúdez de Castro. Entre o profesorado que este ano recibe a distinción atópanse Emilio Pérez Touriño, Darío Villanueva ou Juan José Casares Long.

The contents of this page were updated on 09.10.2015.