Skip to main content

Crean un sistema innovador para avaliar a orixe da contaminación lumínica nas cidades

Imaxes obtidas por satélite da zona de estudo con puntos de contaminación lumínica. Foto: UPC
Imaxes obtidas por satélite da zona de estudo con puntos de contaminación lumínica. Foto: UPC
Froito da colaboración de investigadores da USC e das universidades Politècnica de Catalunya e Complutense de Madrid

O investigador da USC Salvador Bará colabora co grupo de Estudos Luminotécnicos do Departamento de Proxectos de Enxeñaría da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC) e con investigadores da Complutense de Madrid (UCM) na creación dun sistema innovador para avaliar a contaminación lumínica procedente do alumeado público nas cidades e que integra, por primeira vez no mundo, o tratamento de imaxes obtidas por satélite. Co obxecto de analizar a cantidade de luz que se emite cara ao ceo, a luz contaminante, a metodoloxía desenvolvida polo grupo da UPC deu como resultado un modelo de predición lineal que integra as diferentes variables que inflúen no proceso lumínico nas rúas urbanas (sistema de alumeado, tipoloxía urbanística, uso da luz,...). O estudo, totalmente innovador, proporciona unha forma de estudar a problemática dende diferentes vertentes para conseguir un resultado equiparable ao que se obtén a través das imaxes por satélite. A proposta dos investigadores relaciona directamente por vez primeira as características das instalacións de alumeado público cunha avaliación mediante o tratamento das imaxes por satélite. En opinión dos investigadores, a proposta será de “grande utilidade como ferramenta para a avaliación ambiental, así como para definir normativas legais e reglamentación de cara a protexer o medio natural nocturno, tanto o ceo como os animais con comportamento nocturno”. Traballo de campo en Deltebre Para verificar a metodoloxía, o grupo de científicos liderado polo profesor da UPC Manuel García Gil realizou un traballo de campo e de análise de datos da radiación lumínica emitida cara ao ceo (radiancia) no Parque Natural do Delta do Ebro, no municipio de Deltebre. En 2014 coa reforma xeral das instalacións do parque, encargouse ao grupo da UPC unha análise do impacto ambiental destas instalacións antes e despois da reforma. Así, tratáronse imaxes do satélite da NASA Suomi-NPP e determinouse un descenso da radiancia dos núcleos de estudo. Concretamente, constatouse unha redución da contaminación lumínica do 56,6% no municipio de Deltebre e dun 67,2% no municipio de Riumar. Como explica o equipo de investigación, dos resultados do estudo extraeuse a existencia de correspondencia entre o cálculo da redución da fonte lumínica e do impacto ambiental. Deste xeito “ conseguiuse relacionar, por primeira vez, a reforma de instalacións de alumeado e o tratamento de imaxes por satélite para a avaliación da contaminación lumínica”, o que permitirá reformular, á súa vez, a maneira de realizar novas instalacións e de renovar as que xa existen. Traballo multidisciplinar

O proxecto realizouse mediante un traballo multidisciplinar no marco da Rede Española de Estudos pola Contaminación Lumínica (REEL), no que colaboran o Departamento de Estatística e Investigación Operativa da UPC, o Departamento de Física Aplicada da USC e o Departamento de Astrofísica e Ciencias da Atmosfera da UCM. Os resultados da investigación, ademais de publicarse na revista científica Lighting Research and Technology, presentáronse nunhas xornadas sobre esta materia celebradas na USC a comezos de setembro co título ‘ Contaminación lumínica. Unha nova fronteira’.

Imaxes obtidas por satélite da zona de estudo con puntos de contaminación lumínica. Foto: UPC

The contents of this page were updated on 09.14.2015.