Skip to main content

A Aula de Teatro do campus de Lugo comeza a súa actividade este mércores cunha sesión aberta e informativa en Veterinaria

O prazo de inscrición no taller de arte dramática, para o que se ofrecen un total de 16 prazas, permanecerá aberto do 16 ata o 21 de setembro nas oficinas da Área de Cultura

A Aula de Teatro do campus de Lugo celebrará este mércores, día 16 de setembro, a partir das 20.30 horas, unha clase aberta nas dependencias da Facultade de Veterinaria onde se desenvolven as actividades de teatro e danza.

Esta sesión aberta ao público servirá tamén para que a coordinadora da Aula de Teatro do campus de Lugo, Paloma Lugilde, informe ás persoas asistentes dos prazos de matrícula e das distintas actividades xa programadas para o curso 2015-2016, tales como o son o taller de arte dramática, a compañía de teatro USC-Lugo, as sesións orientadas ao público de IV Ciclo Universitario ou outros cursos monográficos que se desenvolverán ao longo do citado exercicio académico. O prazo de inscrición no taller de arte dramática, que é a primeira das actividades organizadas no marco do programa de formación teatral da Aula de Teatro do campus de Lugo e para a que se ofrecen un total de 16 prazas, permanecerá aberto desde este mércores ata o 21 de setembro. O prezo é de 50 euros para membros da comunidade universitaria e de 80 para o resto de persoas interesadas, que tamén poderán formalizar a súa inscrición nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo. Os obxectivos deste taller de arte dramática, cuxas sesións se se desenvolverán os luns e mércores do 21 de setembro ata o 28 de outubro na Aula de teatro e danza da Facultade de Veterinaria, pasan por afondar na formación teatral das persoas participantes, atendendo fundamentalmente ao coñecemento do corpo como ferramenta básica de traballo e á creación de materiais. Unha vez rematado este taller de arte dramática comezará a actividade da compañía de teatro USC-Lugo, unha formación dirixida por Paloma Lugilde e que ofrece un máximo de dez prazas, unha para para persoas alleas á comunidade universitaria, para o curso 2015-2016. O prazo de inscrición neste programa formativo orientado e dirixido á posta en escena, tralo que se estreará unha montaxe que posteriormente se xirará, permanecerá aberto do 13 ao 28 de outubro. Os/as estudantes da USC que formalicen a súa matrícula tanto no taller de arte dramática como posteriormente na compañía de teatro USC-Lugo poderán solicitar o recoñecemento de créditos ECTS ou de libre configuración.

The contents of this page were updated on 09.15.2015.