Skip to main content

Antigos Alumnos da USC homenaxea este venres a Giner de los Ríos

Antigos Alumnos da USC homenaxea este venres a Giner de los Ríos
Antigos Alumnos da USC homenaxea este venres a Giner de los Ríos
Unha placa no antigo hostal Suízo e unha mesa redonda sobre educación lembrarán o fundador da Institución Libre de Ensinanza

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC celebra este venres 18 diversos actos arredor da figura de Francisco Giner de los Ríos (Ronda, 1839 – Madrid, 1915), fundador da Institución Libre de Ensinanza en 1876 baseada en modelos pedagóxicos laicos e progresistas que se propoñían como alternativa ao ensino oficial dominado pola Igrexa católica. Cando se cumpren cen anos do seu falecemento, a AAAAUSC descubrirá ás 11.30 horas unha placa conmemorativa no edificio que albergou o Hostal Suízo (rúa Cardenal Payá) onde se aloxou Giner de los Ríos ao seu paso por Santiago. A este acto asisten a presidenta da asociación universitaria, Benita Silva; a vicerreitora de Estudantes da USC, Dolores Álvarez; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e o directivo da entidade promotora, Agustín Pena. Xa pola tarde, ás 19.00 horas na Facultade de Filosofía, terá lugar unha mesa redonda aberta ao público titulada ‘Actualidade do legado de Giner de los Ríos: ensino laico, muller visible, misións pedagóxicas, formación do profesorado’ na que participarán o catedrático de Teoría e Historia da Educación da USC, Uxío Otero Urtaza; o profesor de Análise Xeográfico Nacional da USC, Francisco Durán Villa; e a doutora en Xeografía e Historia e especialista en Educación da Muller en España nos séculos XIX e XX, Raquel Vázquez Ramil.

The contents of this page were updated on 09.17.2015.