Skip to main content

Unha delegación universitaria de Xapón visita Veterinaria para coñecer o seu modelo de organización docente e de I+D+i

Kawamoto, Kurazono, Inaba, Bueno, Barreiro e Bravo, na vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Kawamoto, Kurazono, Inaba, Bueno, Barreiro e Bravo, na vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Os profesores das universidades de Obihiro e Hokkaido, acompañados da presidenta da EAEVE, participaron nunha recepción na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo

Unha delegación universitaria de Xapón, formada polo vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Obihiro, Hisao Kurazono, e pola vicerreitora do Centro de Diagnóstico en Saúde Animal e Hixiene Alimentaria da mesma universidade nipona, Keiko Kawamoto, así como polo decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Hokkaido, Mutsumi Inaba, están a realizar unha estadía na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, a fin de coñecer o seu modelo de organización docente, así como as súas estruturas de servizos e de I+D+i.

A visita ao campus de Lugo desta comitiva xaponesa responde a unha recomendación da Asociación Europea de Centros de Formación Veterinaria (EAEVE) e encádrase no marco do proceso de reestruturación dos estudos de Veterinaria impulsado en Xapón, cuxo goberno pretende reorganizar en cinco as dez facultades públicas de Veterinaria existentes, a través da cooperación e a redistribución do estudantado. O número total de facultades de Veterinaria en Xapón é de 16, xa que a estes centros públicos cómpre sumar outras 6 facultades privadas. A implicación da EAEVE neste proceso responde á súa elección como organismo internacional ao que se encomendou a acreditación da calidade dos novos programas de formación veterinaria resultantes deste proceso de fusión e reorganización dos centros públicos de ensinanza Veterinaria. Acompañados da presidenta da EAEVE, a profesora da USC na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, Ana María Bravo del Moral, os responsables universitarios de Xapón visitaron na mañá do luns as distintas dependencias de docencia e investigación do citado centro universitario lugués, un percorrido no que tamén participou o decano Germán Santamarina, así como outros profesores do centro. Unha vez completada esta primeira visita ás instalacións da Facultade de Veterinaria, a comitiva nipona mantivo unha reunión co vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, quen os guiou polos distintos servizos e laboratorios de investigación do campus lugués centralizados no edificio Cactus. A recepción institucional na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, un acto ao que se sumou o vicerreitor Javier Bueno Lema, serviu para cerrar a programación matinal desta delegación universitaria xaponesa, que, xa en quenda de tarde, mantivo diversas reunións de traballo con profesores e investigadores da Facultade de Veterinaria. Os responsables das universidades de Obihiro e Hokkaido, os dous centros xaponeses no que se está a aplicar de forma experimentar este proceso de reestruturación das ensinanzas universitarias veterinarias no país oriental, pecharán este martes a súa estadía no campus de Lugo coa visita ao Hospital Universtiario Veterinario Rof Codina, onde tamén poderán coñecer o proxecto do Cebiovet, cuxas obras aínda están en marcha. Os profesores Hisao Kurazono, Keiko Kawamoto e Mutsumi Inaba desprazaranse o mércores a Santiago de Compostela, onde está previsto que manteñan cadansúa reunión co reitor da USC, Juan Viaño, e coa vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido. Este nova xornada de traballo servirá de colofón á estadía europea promovida pola EAEVE que están a realizar este mes de setembro os profesores destas dúas universidades xaponesas, que chegan ao campus de Lugo da USC logo de ter visitado a Facultade de Veterinaria de Lieja (Bruxelas). Bravo e Santamarina, cos delegados universitarios xaponeses, na sala de necropsias de Veterinaria

The contents of this page were updated on 09.21.2015.