Skip to main content

Un simposio da USC aborda en Humanidades as claves e os novos desafíos da escola

Cartaz do simposio sobre claves e desafíos da escola
Cartaz do simposio sobre claves e desafíos da escola
O profesor da USC Juan Carlos Pardo Pérez abre este xoves, ás 10.00 horas, a quenda de relatorios dun foro estival que conta con preto de 50 persoas inscritas

A análise das claves e dos desafíos que ten por diante o mundo da educación centran a temática do simposio de verán ‘ A escola de onte, hoxe e mañá: 3 claves, 6 desafíos’, un programa dirixido polos profesores da USC María Dolores Fernández e Gonzalo Francisco Suárez e no que formalizaron a súa inscrición preto de 50 persoas, que se desenvolverá os días 3 e 4 de setembro na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.

O profesor de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC Juan Carlos Pardo Pérez abrirá este xoves, a partir das 10.00 horas, a quenda de relatorios deste foro estival cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘A lóxica das competencias para a escola da posmodernidade’. De seguido, a Lomce será o eixo temático dun debate moderado pola profesora María Dolores Fernández Tilve e no que intervirán como relatores o inspector de Educación Belisardo Sixto; o vicepresidente da Federación Galega de Asociacións de Directivos de Colexios de Ensino Público, Emilio J. Veiga; Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino e membro do Consello Escolar do Estado, ademais dun representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Un relatorio sobre o ensino na Idade Moderna na cidade de Lugo, a cargo do profesor Gonzalo Francisco Fernández, e dúas sesións de debate centradas na educación en valores como responsabilidade compartida e na atención á diversidade completan o programa da primeira xornada dun simposio que pechará o venres o escritor e guionista Suso de Toro, co relatorio de clausura ‘ Outra idea de escola, outra idea de sociedade’. O obxectivo deste curso estival da USC, ademais de analizar as claves e os retos futuros, pasa por crear un espazo de debate e reflexión sobre os cambios sufridos na escola como consecuencia das novas demandas sociais. A reflexión sobre os cometidos que deben desenvolver os diferentes axentes educativos (familia, escola...) implicados na función social da infancia e a adolescencia e a busca de fórmulas de colaboración e que permitan asumir e desenvolver con éxito novos restos educativos, constitúen outras das premisas que perseguen os impulsores deste seminario estival. Acto de inauguración A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a presidenta da Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, e os directores do simposio, os profesores da USC María Dolores Fernández e Gonzalo Francisco Suárez, inaugurarán este xoves, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades, o curso da USC ‘A escola de onte, hoxe e mañá: 3 claves, 6 desafíos’.

The contents of this page were updated on 09.02.2015.