Skip to main content

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural distingue na súa décimo sexta edición o grupo empresarial Agroamb

De esquerda a dereita, Quintá, Rodríguez, Viaño, Guitián e Bueno, tras fallar o XVI Premio Aresa na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
De esquerda a dereita, Quintá, Rodríguez, Viaño, Guitián e Bueno, tras fallar o XVI Premio Aresa na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
O xurado, presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, falla en Lugo o certame promovido polo grupo Aresa e a USC e ao que concorreron 9 candidaturas. A cerimonia de entrega do galardón, dotado con...

O xurado do XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un certame promovido de xeito continuado desde o ano 2000 polo grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa en colaboración coa USC, acordou distinguir na décima sexta edición deste galardón, dotado con 10.000 euros, o grupo empresarial galego Agroamb, con sede no concello de Castro de Rei.

A candidatura gañadora resultou escollida entre un total de nove finalistas, logo de que os integrantes do xurado, presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, examinaran a documentación recibida e tralas oportunas deliberacións ao respecto. O presidente do grupo empresarial Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o catedrático de Saúde Pública Veterinaria do Royal College Veterinary of London, Javier Guitián Martínez; o xerente de Alibós Galicia e conselleiro da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jesús Quintá García,e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, tamén formaron parte do tribunal encargado de xulgar as candidaturas presentadas ao XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, cuxa cerimonia de entrega do galardón se desenvolverá o vindeiro 22 de xaneiro de 2016 na Facultade de Veterinaria de Lugo. A concesión do XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ao grupo empresarial galego Agroamb, do que é administrador único Severiano Ónega Ares, pretende recoñecer a capacidade innovadora do primeiro xestor en Galicia autorizado pola Administración para o uso de residuos orgánicos en agricultura, que logo se ten convertido na empresa líder desta actividade. O xurado tamén valorou da candidatura presentada polo grupo Agroamb a súa capacidade para a creación de postos de traballo, con 38 empregos directos e 150 indirectos, así como a diversificación da súa actividade coa creación de novas iniciativas empresariais a carón da explotación en común da terra, da prestación de servizos agrícolas e tamén da loxística con contedores. A especial contribución desta empresa de ámbito galego, pero con sede no localidade de Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, á creación de riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro, procesando e reciclando máis de 250.000 toneladas de residuos ao ano, constitúe outro dos activos de Agroamb destacados polo xurado do XVI Premio Aresa, que tamén fai fincapé no feito na capacidade amosada por esta empresa para agrupar 150 explotacións agrogandeiras e forestais e traballar en común 600 hectáreas de cultivos. Na decisión unánime do xurado tamén se tivo en conta que Agroamb ten comezada xa a súa fase de internacionalización coa implantación dunha oficina comercial en Paraguay, así como a súa inversión en investigación e a colaboración permanente coas tres universidades galegas. O labor desenvolvido nestes anos por Agroamb coincide plenamente co obxectivo do Premio Aresa, xa que esta empresa ten contribuído e segue a impulsar a mellora da economía rural da Terra Chá e da provincia de Lugo, sinalou o reitor da USC. O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, sinalou tamén neste senso, que a concesión deste galardón recoñece, ademais da traxectoria deste grupo empresarial, as súas expectativas de futuro. Premiados nas edicións anteriores Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011). Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014

The contents of this page were updated on 12.23.2015.