Skip to main content

Fondo pesar polo falecemento de José Martínez Ferro e Manuel Antonio Fugarolas Villamarín

A USC manifesta o seu fondo pesar polo recente falecemento de José Martínez Ferro, membro do cadro de Persoal de Administración e Servizos e de Manuel Antonio Fugarolas Villamarín, catedrático xubilado do Departamento de Análise Matemática. Martínez Ferro, estivo vinculado laboralmente á institución académica compostelá durante máis de tres décadas, período no que desenvolveu diferentes cometidos na sede universitaria luguesa antes de incorporarse ao parque móbil da USC, tamén na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

No caso de Manuel Antonio Fugarolas Villamarín, “a súa vida profesional foi un exemplo de dedicación á institución e ás matemáticas, desenvolvendo o seu labor docente e investigador sempre baixo os máis esixentes criterios de rigor e seriedade”, lembran dende o Departamento de Análise Matemática da Facultade de Matemáticas.

Realizou a meirande parte da súa tese de doutoramento no Departamento de Matemáticas e Informática da Universidade de Burdeos, aínda que o título de doutor acadaríao na Autónoma de Madrid en 1973. A súa carreira docente comezará nas universidades Complutense e Autónoma de Madrid, de onde se desprazará en 1975 á Facultade de Ciencias da Universidade de Estremadura como profesor de Análise Matemática. Tres anos despois acadou a cátedra da mesma disciplina e no curso 1980-1981 incorpórase á USC onde impartirá docencia ata a súa xubilación en 2014.

The contents of this page were updated on 12.14.2015.