O XXI Maratón Fotográfico do Campus premia dúas imaxes captadas por Alejandro Real Novo e Begoña Pérez López
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presidiu este martes a cerimonia de entrega de premios aos gañadores/as do XX Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, ademais da USC, e cuxo xurado acordou distinguir co premio Carlos Valcárcel á mellor instantánea do tema ‘Asimetrías en Lugo’, dotado con 450 euros en metálico, diploma e trofeo, a fotografía titulada ‘Do Seminario ao ceo’, de Alejandro Real Novo, quen recibiu o premio de mans de Benjamín Santín.
Na categoría de tema libre, o premio, dotado con 300 euros en metálico, diploma e trofeo, foi para Begoña Pérez López, pola fotografía presentada baixo o título ‘Vai de Rúa’. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, entregoulle o premio a tamén gañadora do XXI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo nun acto celebrado na sala ‘Isaac Díaz Pardo’ da Facultade de Veterinaria, onde permanecerá aberta ata finais de xaneiro unha escolma das fotografías presentadas á última edición do certame. O xurado encargado de fallar os premios do XXI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo acordou tamén distinguir cun accésit á mellor imaxe do tema libre a Olaya Mourenza Flórez por ‘Composición Libre 1’. Patricia Fernández Pereira tamén recibiu un accésit por ‘Os Tetris da Vida’, na modalidade de ‘Asimetrías en Lugo’, na que tamén se outorgou con outro accésit a ‘Alba Regueiro Rubio’ por ‘Dandelion’. A xerente da Rede de Museística Provincial, Encarna Lago; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carme Basadre, e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, foron as persoas encargadas de entregar estes accésits, dotados de trofeo e diploma acreditativo, pero sen contía económica, aos autores das fotografías premiadas.. Unha vez rematada a entrega de galardóns, o coordinador do Espazo de Fotografía da USC e do Maratón Fotográfico do campus de Lugo, Eduardo Ochoa, procedeu á lectura dos nomes dos preto de medio cento de participantes que presentaron as súas achegas fotográficas ao XXI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo e que tamén recibiron cadanseu diploma acreditativo, ademais do catálogo dixital que recolle unha escolma de todas as fotografías presentadas á vixésima edición deste certame.
Unha vez rematada a cerimonia de entrega de premios, a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, acompañou o público presente nunha visita pola exposición dos traballos do XXI Maratón Fotográfico do campus de Lugo, unha mostra que permanecerá aberta na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria ata o 30 de xaneiro de 2016.