Skip to main content

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC celebra un foro formativo e degustacións na Casa do Saber de Lugo polo terceiro aniversario

Cartaz da xornada ‘¿Poñemos pan sobre a mesa?’
Cartaz da xornada ‘¿Poñemos pan sobre a mesa?’
A xornada ‘¿Poñemos pan sobre a mesa’, que se desenvolverá o 1 de xullo, mantén aberta a inscrición de balde no enderezo electrónico catedradopanedocereal@usc
Lugo

A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC conmemora o terceiro aniversario da súa constitución coa celebración da xornada ‘¿Poñemos pan sobre a mesa?’, un foro informativo e de divulgación que se desenvolverá o 1 de xullo na Casa do Saber de Lugo e que rematará cunha degustación de pans de Galicia acompañados doutros produtos da terra.

As persoas interesadas en participar nesta xornada arredor do pan e da súa cultura, un foro que comezará coa benvida a cargo da vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, nun acto no que tamén intervirán a directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, Ángeles Romero, e do xerente do grupo Da Cunha e promotor da mesma, Manuel Da Cunha Pereira, poden formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico catedradopanedocereal [at] usc.es (catedradopanedocereal[at]usc[dot]es).

Un relatorio informativo sobre o pan e as súas propiedades e características, a cargo de Ángeles Romero, catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC, abrirá o programa da xornada ‘ ¿Poñemos pan sobre a mesa?. De seguido, o dietista nutricionista Juan Revenga Fragua ofrecerá a conferencia plenaria ‘Verdades como panes’.

A presenza ou non de glute no pan, o proceso de elaboración e distribución deste alimento ata chegar á mesa dos consumidores, a permanencia do pan na dieta alimentaria e outras cuestións relativas a cando, onde, como e canto pan se consume en Galicia serán tamén obxecto de análise no marco desta xornada, cuxa celebración coincide coa entrada en vigor da nova lei do pan.

Un coloquio sobre o pan moderado por Ana María Martínez Lorente, da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Xunta de Galicia, e a posterior degustación de diversas variedades de pan de Galicia xunto con outros produtos da terra servirán de colofón desta xornada.

The contents of this page were updated on 01.07.2020.